Políticas do malestar

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Ricardo Rubio | Europa Press

02 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Afeitos como estábamos a desfrutar do estado do benestar e reclamar as súas melloras, non fomos quen de identificar ao xeito as políticas que, en vez de xerar beneficios colectivos e acrecentar o benestar da maioría, destruían o conseguido. Cóstanos traballo identificar as políticas do malestar aínda que as teñamos diante. A súa posta en escena e a mellor forma de agochalas. Veñen envoltas en técnicas de comunicación, son aloumiñadas por algúns medios afíns e aínda dende a ridiculización choqueira aumentan as audiencias doutros. Vímolo con Trump e vémolo ao noso carón.

 

Díaz Ayuso é un exemplo castizo e penosamente cotiá desas políticas do malestar que percorren o mundo. A súa posta en escena é inconfundible. As súas ocorrencias serven de mofa na prensa progresista, as súas incoherencias son agochadas polos medios máis amigos e entre uns e outros convertérona nunha estrela mediática que percorre as redes sociais como se fose un bo exemplo de algo, de oratoria, de declamación ou de accións de goberno. Logrou coarse no centro da opinión pública e dos debate políticos sen que se coñeza ningún mérito na súa acción de goberno que o xustifique. Da igual que Madrid teña as peores cifras no andazo, que concentre o maior número de mortes. Tanto ten que de súpeto un foco leve por diante once maiores dunha residencia de Becerril. Pouco importa que a maior porcentaxe dos maiores finados residiran nesa comunidade autónoma, que con máis de doce mil mortos e superando o medio millón de casos sexa a quinta comunidade en mortos e a terceira en casos por cen mil habitantes. Apenas se repara nas dúbidas sobre a fiabilidade dos datos de Madrid, aínda que todo indica que hai semanas que non se fan análises masivos como noutras autonomías e que o diagnóstico deixouse á iniciativa dos individuos vía laboratorios.

A liberalidade da presidenta de Madrid e as súas gracias poderían dixerirse se non estivesen acompañadas dunha conta de resultados tan moura. Se o empeño en manter aberta a hostalaría non tivese un efecto comparativo tan negativo no resto do Estado, onde os peches están a arruinala. Se a fachenda por non pechar non estivese acompañada da extensión do andazo fora dos seus dominios autonómicos.Non estamos preparados para identificar as políticas que restrinxen os beneficios sociais a minorías cada vez máis reducidas e acaban coa equidade no uso dos recursos públicos. É hora de deixar de rir gracias que veñen acompañadas de finados. A posta en escena das políticas do malestar serve para agochalas pero tamén é a mellor forma de identificalas. O relato que as envolve é insolidario, fachendoso e despreza o público. Fai burla da equidade e dos que menos teñen.