Escalinatas. Da violencia á democracia

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

30 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa fose un asalto, unha insurrección ou un golpe de estado, foi en todo caso un dos acontecementos máis arrepiantes deste complicado século: a violencia dialéctica sen límite transmútase nun intre na violencia física da turba impelida por proclamas de odio.

 

Minguadas hoxe en aras da accesibilidade, as escalinatas foron un elemento fundamental na arquitectura clásica e deron lugar a grandes momentos da literatura e a imaxes imborrables na arte e no cine. Son un símbolo do ascenso e a caída do poder, unhas veces percorridas con paso solemne e outras obxecto de asedio.

No prazo dunha semana, o Capitolio de Washington, emblema mundial da democracia, coa súa beleza pastel, e a espléndida planicie do Mall, foron testemuñas do paso de dous tipos de hóspedes: os violentos, esnaquizando portas e ventás, irrompendo nos recintos parlamentarios e arrebolando documentos, e o retorno dos demócratas. Restablecida a orde institucional, a música, as palabras e o silencio resoaron a carón da arquitectura no comedido discurso de Biden, cun compromiso de traballo ata o límite da súa capacidade e as citas ao soño de Luther King e a Lincoln, baixo cuxo mandato, en plena guerra de Secesión, aínda se remataba o edificio. Mentres as bandeiras fincadas na terra flamexaban substituíndo as mans dos cidadáns ausentes para celebrar un acto tan solemne, Trump saía polas escaleiras de atrás.

Cada vez estou máis convencido de que hai que seguir de preto as persoas ponderadas, que matizan, que non soltan o primeiro que lles vén á boca e responden con ira ao último improperio das redes. Por iso, é preferible un político sensato e que pensa, mesmo antes que de esquerdas ou de dereitas, porque busca máis o acordo cá confrontación aberta.

A arquitectura institucional, a arquitectura da democracia, vale para convocar, sentando uns a carón dos outros nos escanos parlamentarios e nos actos institucionais, no grande espazo onde estamos representadas as xentes que queremos andar xuntas, aínda que de momento non vaiamos unidos.

Nestes momentos arduos, para fortalecer a serenidade individual, é recomendable reler os pensadores que souberon dicir non cando a maioría dicía o contrario: Montaigne, Zweig, Camus, unha figura solar que non soportaba a mentira, segundo a súa filla. Por certo, veñen de editarse obras dos tres, que convén ler co máximo interese.