Exilio e desmemoria

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

27 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha intelixente pregunta dun bo xornalista, con tanta retranca como denota o seu alcume, fixo recuperar de súpeto o recordo do exilio republicano e antifranquista, cun renovado e unánime toque de aprecio e prestixio, como nunca antes. Benvido sexa o conto, aínda que o motivo fose a procura de combustible para a disputa política actual, non o recoñecemento do pasado e menos aínda o seu coñecemento. Afeitos xa á pesca oportunista en ríos revoltos de pasados, andazos ou nevaradas, aproveitemos esa ollada, máis ala dos ventaxistas sobremeses e esperpentos que se fabrican estes días, para reparar no que o exilio é e no que o exilio foi, agora que mesmo o franquismo sociolóxico enaltece a peripecia dos milleiros de transterrados entre 1936 e 1977. De entrada dubido que algúns saiban de que falan, se inclúen a todo o continxente humano implicado e, sobre todo, se reparan nas razóns daquel exilio. Non sei por exemplo se inclúen a Onaindía e a Margarita Ledo ou só a Juan Ajuriaguerra e a Luis Seoane.

O exilio español, como expatriación, é un concepto moi amplo mais alá da memoria inmediata que hoxe o identifica en exclusiva cos republicanos. Exiliados foron o ditador Primo de Rivera, Alfonso XIII ou Isabel II. O século XIX estivo inzado de exiliados políticos que atoparon refuxio en Inglaterra ou en Xibraltar, cara Francia fuxiron os continxentes máis numerosos, empezando polos milleiros de familias de afrancesados saídos despois da derrota de Bonaparte.

Os conceptos mudan co tempo. Os que hoxe identificamos como exiliados en orixe foron perseguidos, escapados e refuxiados, fuxiron primeiro da persecución e da matanza desencadeada polos golpistas e despois da derrota da guerra. O exilio construíuse historicamente no longo tempo de vixencia da ditadura, identificado primeiro desde a oposición política do interior; foi definido despois de 1955 como exilio cultural a través, por certo, dun gran traballo de Camilo José Cela para o réxime cando, logo da entrada na ONU, fixo un esforzo por recuperar exiliados e rachar a súa influencia internacional. Coa democracia -e xa no franquismo final- coa volta dos exiliados adquiriuse a conciencia dun exilio masivo, identificado coa democracia derrotada. Seguimos incorporando sucesivas capas e aínda neste século sumamos o continxente dos milleiros que pasaron ou quedaron nos campos nazis.

O exilio é o nome que se lle dá dende interior, á historiografía e o presente. Eles, sempre empeñados en retornar, nunca se chamaron exiliados senón republicanos ou refuxiados, así se denominaron as súas organizacións: Junta de Auxilio a Republicanos Españoles, Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles, e tamén os seus gobernos. Non atoparemos nunca a palabra exilio na súa papelería ou nos selos oficiais. Impedíallelo a súa conciencia de lexitimidade.