Cando neva en Madrid


Cando neva en Madrid toda España merca limpa neves. Non parece que o alcalde madrileño vaia facer como José María Porcioles, aquel rexidor de Barcelona que hai cincuenta anos, despois doutra gran nevarada, gastou medio orzamento do concello en adquirir máquinas que enferruxaron antes de volver usarse. Morreron Porcioles e Franco e non houbo outra coma aquela. Non sei se toda España fóra de España terá que mercar limpa neves para a rede de autoestradas libres de peaxe da capital do Estado, puidera ser que si, de entrada disque na Moncloa xa aceptaron o pedimento de zona catastrófica e a contía proposta, antes de que o concello logre sequera retirar a neve das rúas e abrir as escolas. Semella que o Goberno central non pode, non sabe ou non quere resistir esa especie de acoso infantil que lle fan Almeida e Ayuso para obrigarlle a gobernar a «España dentro de España» antes que a España fóra de España.

 

Esa nevarada no interior peninsular revelou cousas como que, dado o nivel de radialidade da rede de camiños de ferro, o colapso das vías madrileñas cortou a comunicación ferroviaria entre Andalucía e Barcelona que pasa pola capital do Estado. Tamén comprobamos que pola concentración da actividade aeroportuaria en Barajas, da que os aeroportos galegos son agora subsidiarios, das pistas de Peinador, Alvedro e a Lavacolla limpas para o despegue e aterraxe de aeronaves apenas puideron saír ou entrar avións dende que se colapsou Madrid. Veremos as consecuencias da baixa carga impositiva da comunidade e o concello de Madrid e xa estamos vendo o mal funcionamento dos seus servizos sometidos a décadas de adelgazamento e externalización a prol dunha xestión privada maiormente especulativa baseada no lucro garantido pola concesión pública.

Xeouse a Vila e Corte que, agás os dez anos de repúblicas, é moito máis o segundo que o primeiro dende hai catro séculos. Unha cidade que concentra demasiado poder, con dúas almas combatendo entre si. Unha, a do espírito señorito que tanto deostou Isaac Díaz Pardo, «Teus fillos estudian pra señoritos. Teu ideal é que cheguen a ser aristócratas en Madrid», coherente cunha cidade que aínda no século XX viúva mormente dos ingresos agrarios dos grandes rendistas. Outra, a dos artesáns, os intelectuais, os funcionarios e a clase media demócrata que pelexou pola modernidade. Hoxe a cidade parece dominada por un talante cortesán e castizo que roza o cosmopolitismo eivado da metrópole sen imperio. Un exemplo: a sección do programa radiofónico español con máis audiencia na fin de semana adoita comentar titulares de noticias locais de xornais como La Voz (cuarto en difusión do Estado) e doutros da «periferia». Nunca escoite comentar nel un titular dun diario de Madrid, seica non encaixan no local.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
24 votos
Comentarios

Cando neva en Madrid