Miserias

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

BRENDAN MCDERMID | Reuters

15 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai historias que repite acotío. Ás veces cambia os nomes, os lugares e incluso a historia en si. Pero outras veces, se ten un día bo, a historia que conta é bastante semellante á versión que eu lembro, á de antes de comezar a perder a memoria.

Estas semanas a Maruxa comezou a repetir unha historia da súa infancia que eu non coñecía. Supoño que ese episodio nunca pasara aquel filtro mental que tiña antes (e que aínda teñen moitas mulleres da súa xeración), o filtro da memoria explícita que deixa pasar as cousas boas do pasado, pero que tamén enmudece as malas. O caso é que ao escoitar (asombrada) a singularidade do relato, decateime de que cada vez que contaba a historia, coas súas variacións, sempre remataba coa mesma frase: «Antes, a miseria era para todos».

Entón comecei a pensar nas circunstancias que rodeaban esa frase, pois naquel momento dos anos corenta había «miseria para todos», pero uns sufríana máis ca outros. E aínda que hoxe vivimos circunstancias diferentes á miseria da infancia que lle veu á cabeza á miña nai, a verdade é que a frase ten tanta forza e é, tristemente, tan contemporánea...

Non sei se cando miremos atrás a estes anos de pandemia falaremos de miseria, ou se pola contra enmudeceremos a parte máis crúa deste momento histórico.

Pois hoxe hai algo de miseria para todos, aínda que coma en tódalas épocas uns sentirana máis ca outros. Non sei cantos pequenos negocios poderán sobrevivir, nin cantas historias de fame hai arredor de nós, pero pensar na miseria da que saíron moitos dos nosos devanceiros, aquela da que non falan, axúdame a crer que se elas puideron saír daquela situación, nós debémoslles polo menos intentalo.