Plan de país

Serafín Pazos DECOTÍO

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

13 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia recibirá 441 millóns de fondos estruturais adicionais, os chamados REACT EU. A Xunta propón 108 proxectos para optar ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE. Entre eles os proxectos tractores de plantas de hidróxeno, biogás e fibras téxtiles a partir da madeira. Os orzamentos de 2021 prevén que a Galicia cheguen polo menos 249 millóns do tamén chamado Fondo de Recuperación, polo que é razoable estimar que pode optar a uns 1.500 millóns do total español. Cifras importantes, pero non eses 9.500 millóns dos que se fala. Á provincia de A Coruña tocoulle ademais unha pedrea de coma moito uns 20 millóns do Fondo de Transición Xusta.

A nova definición de territorio en despoboamento permitirá darlle prioridade ós investimentos do Fondo Europeo de Desenrolo Rexional (FEDER) en boa parte do rural galego e vilas en declive e poderá dar músculo financeiro á nova Lei de Impulso Demográfico de Galicia. A Deputación de Ourense acordou un plan de investimentos para os fondos FEDER contra o despoboamento, unha iniciativa coordenada pola Deputación de Zamora á que se sumaron a maioría de provincias, cara a consulta pública da Secretaría Xeral do Reto Demográfico (2.500 millóns previstos). A Deputación de Lugo publicará en breve unha serie de propostas académicas sobre este problema.

Galicia é o quinto territorio europeo que máis fondos recibiu, 15.000 millóns de euros en trinta anos. Coma un orzamento e medio anual do Goberno galego. A inmensa maioría do gasto non corrente. Dos fondos 2014-2020 aínda quedan uns 1.400 millóns pendentes.

A Comisión leva un ano negociando co Ministerio de Facenda as grandes liñas dos Fondos Estruturais e do Plan PAC. Non coñecemos aínda borradores dos programas operativos de Galicia. A principal fonte de investimento para as próximas dúas lexislaturas. O informe do comité de expertos está a ser discutido na Comisión de Reactivación do Parlamento galego.

Cómpre que Goberno e oposición abandonen o postureo partidario e se retraten. Igual non hai tantas diferenzas. Non pode ser e que eses plans os elaboren catro funcionarios e consultores madrileños. Nin que cadaquén faga a guerra pola súa conta.