Arredor do 5 de xaneiro

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

10 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 5 de xaneiro conmemoramos sesenta anos da edición de Memorias dun neno labrego, título de referencia na literatura galega do pasado século, traducido total ou parcialmente a case vinte linguas, seguramente o libro máis veces reimpreso e reeditado das nosas letras, no que se iniciaron varias xeracións de lectores. Neira Vilas ten falado algunha vez de como empezou a escribilo, nun café de Buenos Aires, aproveitando as horas que lle deixaba libre a súa labor comercial nunha casa importadora de madeiras. Era un cafetería da rúa Cullen, no barrio de Villa Urquiza. Mentres escribía, o camareiro que lle servía os cafés, que seica era da provincia de Ourense, botaba olladas por riba das notas con tanta curiosidade que o autor decidiu deixarllas ler, acaso inseguro do texto. «Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre». Segundo Neira Vilas, o camareiro lía e facía observacións que o autor consideraba. El foi o primeiro lector da novela.

 O libro publicouse o 5 de xaneiro, véspera de Reis. Quen primeiro se ofreceu como editor foi Luis Seoane, na editorial Citania, a mesma que publicara en 1959 A esmorga de Eduardo Blanco Amor. Pero Neira Vilas prefiríu a editorial Follas Novas, que uns anos antes Anisia Miranda e mais el botaran a andar, coa axuda de Elsa Fernández, para a difusión do libro galego en América. Outro día 5 de xaneiro, en 1950, morría Castelao na capital arxentina, poucos meses despois da chegada de Neira Vilas como emigrante a aquelas terras, en 1949. Moito impresionou ao de Gres o enterro de Castelao, con honores de xefe de estado.

O segundo editor das Memorias… foi Isaac Díaz Pardo, en Edicións do Castro (1968). Daquela comezou realmente a difusión da novela, apoiada na excelente acollida que dende o primeiro momento tivo no mundo escolar. Isaac finou noutro 5 de xaneiro, neste caso do 2012. El foi o primeiro grande editor de Neira Vilas, e mais o seu anfitrión en Galicia, que o recibía e atendía en Sargadelos, na residencia de Sada ou no Instituto Galego da Información de Santiago de Compostela, sempre acompañado de Anisia.

Outra data de referencia, que non quixera esquecer, é o 7 de xaneiro de 1913. Daquela nace en Lourenzá Francisco Fernández del Riego, persoeiro de referencia na traxectoria literaria de Neira Vilas, correspondente de Galaxia e do galeguismo dende o exilio interior á Galicia de Buenos Aires, liña directa con Luis Seoane. Del Riego mantivo sempre viva a relación con Neira Vilas a través tanto da editorial como da revista Grial. O sexto pesoeiro a non esquecer segue connosco, Xesús Alonso Montero, sen dúbida o principal estudoso e divulgador dos traballos de Neira Vila aquén e alén das nosas fronteiras, animador das súas traducións e da súa significación na historia da literatura galega contemporánea.