«Infodemia» e pandemia

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Orlando Barría

08 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Se cadra aprendemos algo neste pasado ano: que nós, e o que hai arredor de nós, é vulnerable e delicado. Sabiamos da vulnerabilidade da nosa especie e da delicadeza dos sistemas que a sosteñen, pero non todos tiveramos a oportunidade de vivir esas dúas calidades en primeira persoa dun xeito tan intenso coma este pasado ano. Asistimos como espectadores e protagonistas a esta representación mundial da incerteza, e cada día que pasa asombrámonos cun feixe de noticias que semellan inverosímiles. Noticias que nos sorprenden coma se non soubésemos que eran posibles, que nos asustan, que nos enfadan, que non sempre entendemos. Ás veces é coma se creásemos un «minimundio» para o noso minifundio, de tal xeito que todo o que acontece noutros minifundios resúltanos tan alleo que non o aceptamos coma noso. Explícome: hai un ano, un virus que se facía ver por primeira vez en China era un problema daquel lado do mundo, e até que chegou a nós non decidimos actuar; e hai uns días, a crispación e a desinformación fixo tremer á democracia máis lonxeva e poderosa do mundo... e non temos nós os mesmos síntomas?

Ao principio da pandemia a OMS alertou dos riscos da infodemia con respecto ao covid-19. Segundo a OMS, esa «sobreabundancia de información», especialmente a información falsa, podería causar grandes estragos na sociedade, pois todos sabemos que na era da Internet as novas, verdadeiras ou falsas, propáganse tanto coma os virus. Os anos da pandemia serán tamén os anos da infodemia, pero quizais a diferenza sexa que esta pandemia, grazas á vacina, pasará, e esta infodemia quedará, pois non hai vacina contra ela máis que nós mesmos...