Do Nadal aos sectarismos

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

SIRO

19 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Acabo de enviar o meu voto aos organizadores dun concurso de debuxo sobre o Nadal, para nenos de 7 a 12 anos. Tarefa difícil porque a esas idades todos -canto máis pequenos, mellor- debuxan con tanta liberdade como audacia e sorprenden con creacións inimaxinábeis. Aos sete anos todos son Marc Chagall. Porén, pasmei ao ver que ningún dos participantes seleccionados debuxou o Portal de Belén, nin os Reis Magos; todos puxeron a árbore e a maioría tamén a Papá Noel. Os debuxos están ben, moi ben; pero fáltalles o esencial: a representación relixiosa do Nadal, o Nacemento de Xesús; razón de ser da celebración e do concurso. A asociación de ideas levoume a outro Nadal, o de 1978, cando o día 6 foi chamada a cidadanía a ratificar o proxecto da Constitución, que debería garantir a nosa convivencia en democracia. O voto afirmativo acadou o 91,81 %, pero a participación foi só do 58,97 %. Ademais dos despistados, había moita xente de dereita e de esquerda en contra da Transición e naquel referendo tamén faltou o máis importante: a vontade de poñer fin á Guerra Civil. Pasados 42 anos seguimos en guerra fría, que se torna quente con homenaxes ás vítimas dunha represión, pero non da outra; e a canonización de relixiosos asasinados por un bando, pero non polo outro.

Manuel Chaves Nogales foi un prestixioso xornalista republicano, morto no exilio e autor do libro A sangre y fuego, testemuño revelador do atroz enfrontamento entre españois na Guerra Civil. Chaves Nogales declarábase antifeixista e antirrevolucionario, aborrecía a crueldade e a estupidez, entendidas coma «o pecado contra a intelixencia, o pecado contra o Espírito Santo»; e denunciou que crueldade e estupidez se enseñoraran de España coas etiquetas de comunismo, feixismo e nacionalsocialismo. O xuízo que emite é demoledor: «Ni blancos ni rojos tienen nada que reprocharse. Idiotas y asesinos se han producido y actuado con idéntica profusión e intensidad en los dos bandos que se partieran España».

Luis de Figueroa y Pérez de Guzmán el Bueno, conde Romanones, tiña 17 anos cando comezou a Guerra Civil e uns «incontrolados» mataron ao seu avó, o conde de Torre Arias, en Madrid, preto do Hotel Palace, ao disparar a cantos lles pareceron ben vestidos. O rapaz conseguiu chegar a San Sebastián e alistouse como soldado no exército de Franco. Moitos anos despois contoulle á muller: «No creerías las atrocidades que vi. Una noche, acabábamos de tomar el control de un pueblo y algunos de nuestros propios hombres violaron a una mujer muerta en la calle».

A resposta máis intelixente a ese sectarismo que desde a dereita e a esquerda quere converter a Guerra Civil en confrontación entre bos e malos deuna unha dama de Albacete, de distinguida familia liberal, nunha reunión social, con presenza das forzas vivas da cidade, nun dos primeiros anos triunfais. Alguén preguntou cal fora o día máis feliz na vida de cada un dos presentes e ela, sen dubidalo, deu a data do 30 de marzo de 1939. Como todos quixeron saber por que, respondeu: «Porque ya se habían ido los unos y aún no habían entrado los otros». Estaba Laín Entralgo, que o contou.