Fotopletismografía

OPINIÓN

18 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante os últimos anos, de maneira acelerada, aumenta o número de usuarios de pulseiras de actividade e reloxos intelixentes. Estes aparellos, colocados nos pulsos de quen lles ten devoción, ofrecen medidas moi interesantes para os que fan deportes ou, simplemente, queren controlar a súa saúde. Segundo ofertan os fabricantes, mídenlles número de pasos dados e distancias percorridas, pulso cardíaco, saturación de osíxeno no sangue e mesmo tensión arterial. Deses datos deducen situacións de esforzo, relaxo e sono.

Nunha marabilla de miniaturización, inclúen acelerómetros e xiroscopios que facilitan a conta de pasos; e un conxunto de diodos luminosos, emisores e fotosensibles, receptores, cos cales observan o fluxo do sangue a través da pel do pulso, segundo un método de medida tan complicado coma o seu nome: fotopletismografía. En termos matemáticos, a forma de onda que obteñen os diodos fotosensibles, relacionada coa actividade do corazón, é moi complexa e necesitada de cálculos para garantir a precisión das medidas, sobre todo da tensión arterial. Dada a popularización destes trebellos de belo deseño, sería bo que colexios profesionais da Telemática e autoridades sanitarias se manifestasen, advertindo o público sobre os que sexan fiables e efectivos -ou non- alén do prezo.