O valor das cousas

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

13 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A entrega do pazo de Meirás pilloume lendo un parágrafo da última novela de Berta Dávila onde di que nos enfrontamos de xeito diferente ao acto de escoller e desprendernos, como acumulamos para o futuro, tratando de pospor o intre de decidir sobre o que posuímos. A novela trouxo a memoria do meu sogro, que gardaba no garaxe todo tipo de cousas. De feito, a casa estaba chea de remendos reutilizados e, ao pouco de el morrer, os obxectos rebeláronse e todo deu en se estragar. A delicada lectura de Berta tamén me levou aos case 700 bens do inventario do pazo que erguera a Pardo Bazán, con pías de auga bendita, esculturas ancestrais, cadros e diversos obxectos de diferente valor. Por desgraza, non figura esa roca lunar da misión Apollo 11 que Nixon lle regalou ao Estado español e hoxe tería un valor incalculable tendo en conta a manda de ricos que non saben onde meter os cartos. É certo que o importante dese inventario non é o valor económico, que tamén, senón o valor restitutorio e emocional para tanta xente represaliada. Con todo, tampouco hai que desprezar ese amoreamento porque ás veces o tempo opera a favor das cousas e talvez aínda fiquen bens de valor que os Franco, na súa ignorancia, non espoliaron, como lle pasou a un coñecido noso que nos anos setenta, cando o botaron da fábrica de xoguetes Madelman, apañou, enrabiado, centos de caixas que contiñan os famosos bonecos e arrombounas nunha nave da serra madrileña. Corenta anos despois, morto xa este home, un neto viu a espita aberta nas redes e puxo anuncios para vender a un prezo astronómico cadanseu exemplar. E foi así como o efecto vintage multiplicou o número de pedidos de nostálxicos da infancia e o neto soubo que o seu avó fora un visionario.