26 millones de hijos de puta

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

12 dic 2020 . Actualizado a las 12:49 h.

Un son eu, seguro. Entre 26 millóns de roxos españois, como non sentirme aludido? Ademais non é a primeira vez que un xeneral xubilado fala de fusilarme. En 1980 o historiador Carlos Fernández e eu faciamos en Radio Voz, de luns a venres, un breve debate sobre a actualidade con visión conservadora el e progresista eu, pero con moito humor os dous. Tratábase de informar e divertir, e acadamos altos niveis de audiencia. Un xeneral xubilado, veciño de Carlos, faloulle da conveniencia de fusilarme e cando o meu amigo, arrepiado, dixo en defensa miña que son boa persoa, o vello militar retrucou, enérxico: «¡Con mayor razón! ¡Un rojo buena persona tiene el peligro del proselitismo!». Meses despois, en febreiro de 1981, aquel xeneral xubilado deu a Carlos Fernández as listas das persoas a controlar despois do 23-F, e alí estaba eu. Non aseguro que fose cousa súa, porque seis anos antes, en Ferrol, outro xeneral xubilado, de ilustre apelido na ditadura, denunciárame por aldraxar ao exército nunha viñeta sobre a película El gran dictador; abríraseme un consello de guerra e fora acusado de «intento de sedición e incitación a la misma», delito penado con seis anos e un día.

O xove feixista Ramiro Ledesma, fundador das JONS, falaba con menosprezo dos «grupos sociales antiheroicos por constitución natural, a los cuales será risible entregar una bayoneta». Deses antiheroes tamén son eu, que nin as escopetas de feira me gustan e non consigo entender que alguén, por moi cabreado que se sinta e moi xeneral xubilado que sexa, poida dicir nun grupo de WhatsApp: «Confío en que salga otro mata rojos pero que esta vez no se quede corto... hay que aniquilar 26 millones, niños incluidos». E cando un colega o recrimina porque os nenos son o único inocente que nos queda, reafirma: «Nada, nada; la purga es la purga. Tenemos que convencernos de una puta vez de que nuestra sangre no admite la democracia. Nuestros odios son más fuertes que nuestra convivencia».

Para este militarote, que se sente cristián porque vai a misa e reza o Credo, fusilar é como tomar un vermú; pero a xente con conciencia e cerebro ve no fusilamento un acto irracional e horrendo. E isto vale para o executor, o espectador e a vítima. Ata José Antonio Primo de Rivera, que mantivo en todo momento a fortaleza de ánimo, dicía nunha conmovedora carta a Sánchez Mazas, horas antes de ser executado: «Te confieso que me horripila morir fulminado por el trallazo de las balas, bajo el sol triste de los fusilamientos, frente a caras desconocidas y haciendo una macabra pirueta».

O cumio do esperpento guasaperil produciuse cando o aguerrido xeneral xubilado se viu descuberto e fixo como aquel falanxista que na Guerra Civil matou nun enfrontamento a un miliciano e cortoulle unha orella como trofeo; pero, ao se producir un contraataque republicano e verse en perigo de caer prisioneiro colleu a orella e tragouna. Tamén o vello xeneral tragou as palabras dos seus wasaps e dixo que el non fora, que alguén lle collera o móbil, que apenas o usaba…

En fin, se teño que morrer fusilado, que non sexa por un espadón con prostatite e lumbalxia, e ademais covarde.