A endemia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

11 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un mal endémico que nos deturpa a alma. Afástanos, precisamente, do que debera definirnos como membros dunha sociedade que somos. De súpeto, aparentemente da nada, apareceu un virus e barreu o mundo, de punta a rabo do planeta. Tras os primeiros medos, crin que se nos gravaría a lume a certeza de que somos seres completamente vulnerables. Estabamos mal afeitos a crernos os donos da Terra, con capacidade para decidir, organizar e ditaminar o rumbo da historia. E resulta que un mísero axente infeccioso de tamaño microscópido é quen de ameazar gravemente a continuidade da supervivencia humana.

 

Creouse unha corrente solidaria case tan poderosa coma a propia pandemia. Semellaba que era xustamente esa forza a base que nos capacitaba para poder vencer o virus. Mais os soños duran ben pouco. A piques está de converterse en pesadelo.

Seguimos a priorizar o noso ego. É tempo de pensar non só en nós, tamén nos demais. Se queremos seguir podendo mirarnos aos ollos, debemos ser respectuosos cos demais. Coa súa saúde en primeiro lugar, pero tamén con todos os demais problemas. Ollo ás pequenas economías domésticas, algunhas tan mancadas que serán imposibles de restaurar. Tamén as soidades de verdade. Non as provocadas por un confinamento físico, senón as daqueles que non teñen quen miren por eles. Hai xente que, se deixa de respirar un día, ninguén o botará en falta.

O peor mal da nosa era non é a pandemia da covid, é o mal endémico de mirarnos o embigo e crer que é o centro do universo. E iso, ben se ve, non o muda nin un virus que vaia segando vidas por onde pase.