Ai, Carolina

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Si, vou falar de moda, ou imaxe, ou estereotipos. Ai, Carolina, que erro tan grande. Ti, a quen cría tan elegante, perdiches moitos enteiros nesa calidade. Para min, claro.

Por se non o saben, a afamada deseñadora indicou que as corentonas non debemos usar nin negro, nin vaqueiros, nin melena longa, nin bikini, nin minisaia. Pois non cumpro nin unha! Certo que nunca me distinguín por seguir os ditames da moda, pero... paréceme un exceso. Un exceso porque cando uso calquera desas cousas fágoo porque me sinto cómoda con elas. De feito, a melena é case un sinal de identidade. De non levar o pelo longo, non sería tan eu. Como o feito de usar lentes. Paréceme unha tiranía que nos digan o que temos que poñer. Tamén o que non debemos usar. Eu aposto por irmos con aquelas prendas que nos fagan sentir cómodas, sen disfrazármonos de algo que non somos. Tamén me parece estupendo que haxa quen decida usar o que está de moda, porque lle apetece. Pois tamén. Aínda que non se lle asente.

Agora, que me digan que non podo usar vaqueiros e deixar a melena longa... non me parece nada elegante. Máis aínda vindo dunha muller da que agardaría que defendese a outras mulleres. Unha que ten poder, que é visible, coa posibilidade de influír na sociedade.

Ai, Carolina, anda. Dilles que as mulleres somos máis ca manequíns. E que o que importa non é como levemos o cabelo, senón o que temos baixo el... as ideas e a intelixencia! Eu, mentres, despeiteada (cando quero) e ao tolo (se me peta).