As caixeiras do supermercado

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

JOSE MANUEL CASAL

01 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste tempo de andazo moitos colectivos reclaman o mérito da súa entrega profesional. Algúns individuos mesmo caeron na vaidade de sentirse imprescindibles e, aínda que abandonamos a linguaxe bélica das primeiras semanas, non poucos seguen falando dos seus servizos na primeira liña da batalla contra o virus. A esa vangarda combatente fóronse incorporando grupos profesionais e corporativos reclamando atención en diferentes graos, do aplauso (ás veces literal) ao simple recoñecemento. Dende o mes de marzo a listaxe non fixo máis que medrar: empezou polos sanitarios sen nome nin rango e chegou aos científicos que procuran as vacinas, pasando por todos os corpos e forzas da orde e a seguridade e servizos públicos de toda caste. Cada vez máis colectivos reclaman ese mérito, nunha carreira que non terá fin nin despois de que isto remate.

Como sempre, o asunto do mérito ten que ver con quen o conta e con como se conta o conto. O grao do mérito ten que ver directamente co poder social e mediático para reclamalo. Sempre houbo arriba e abaixo. Non é que o digan os novos políticos radicais; en caso de que non o escoitáramos na casa, seguro que xa o dicía algunha das nosas veciñas da infancia. Póñanlle o nome que queiran á señora. As elites mandan e dominan, por iso son elites. Pero ben é certo que historicamente poden cumprir diferentes papeis. Poden ser mellores ou peores. Mesmo hai elites, como as políticas, que neste tempo son sempre deostadas, fagan ben ou mal o seu traballo de intentar paliar os efectos do andazo e buscar solucións á súa propagación. Algunhas autoridades políticas -outras non- merecen a crítica porque non saben estar a altura da situación ou por preocupárense máis polas fotos que polos seus gobernados. Tampouco podemos ser demasiado duros con eles porque está visto que hoxe todos buscamos o minuto de televisión que nos predixo Andy Warhol.

Non quería falar dos políticos, porque a crítica, mesmo a máis inxusta, vailles no soldo, senón desoutros colectivos que non chufa ninguén e que foron insustituibles para que inmensa maioría puidera levar con xeito este longo tempo. Dende o primeiro día foron imprescindibles. Son os traballadores da limpeza, tamén hai mulleres, pero a maioría son homes. Ter as cidades limpas dependeu do seu traballo e nunca pararon de facelo. E sobre todo as caixeiras dos supermercados, tamén hai homes, pero dominan as mulleres. O noso abastecemento dependeu delas.

Hai máis, tamén os que producen comida ou a pescan ou a transportan, pero de toda a cadea escólloas a elas porque son as que vemos e, por iso, as que máis puideron contaxiarse. Elas si estiveron uns días tras doutros na «primeira liña da batalla» contra ese axente invisible que nunca se sabía por onde ía aparecer.