Asunta

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

SANDRA ALONSO

27 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Titúloo Asunta porque é quen merece a atención. Os seus pais, que semellaban un matrimonio modelo ata que «pasou o que pasou», puxéronlle un nome tan especial que non necesitamos de apelidos para saber de quen falamos. Asunta era unha nena cando o seu cadáver apareceu nunha pista forestal. Unha nena que contaba con todas as posibilidades para ter unha vida cómoda e plácida.

 

Os primeiros apuntamentos a aquela morte foron moi errados. Fuxira? Estaba de festa? En quen confiara? O de sempre. O que se pensou tamén de Diana Quer, Dana Leonte e tantas outras. Por que marcharon? Que fixeron? Sempre a culpa delas... A mentira neste caso durou pouco. Axiña se pousaron as sospeitas sobre os proxenitores, eses mesmos que, cando se converteran nos pais, prodigaban as aparicións públicas coa cativa, amosando a súa fachenda. A rapaza era brillante pero, con todo, estaba rodeada de sucesos estraños. Así o relataron posteriormente distintas persoas do seu entorno.

O que pasou foi que todo rematou do peor xeito posible. Rosario e Alfonso, os pais, asasinan a súa filla. O porqué xamais se desvelou. Demasiadas hipóteses que prefiro non valorar. Sinceramente, eu non necesito sabelo, pero si que me gustaría que a xustiza puidese castigalos segundo a razón da comisión dos feitos. E esa, xamais se esclarecerá. A nai preferiu quitarse a vida antes que pagar a descomunal culpa. Sinto rabia. Ti sufriches, Asunta. Agora tocáballes padecer a eles. Pero Rosario xa se quitou do medio.