As pastillas

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Ao Paco Mariló gústalle levar o control de todo. Por iso afirma que nunca dorme: «Sempre desperto, neno», asegura cando os da cuadrilla nos metemos coas súas pronunciadas «siestas». Pero o certo é que o control forma parte dos seus principios. No traballo non hai cable, por milimétrico que sexa, que escape ao seu escrutinio. Cando cociña enumera os ingredientes co seu peso, anotados nun caderno, para que todo vaia como ten que ir. E, cando saímos tomar un vaso, ás dez en punto e ao compás da campá da parroquia, levántase dicindo marcho que teño que marchar. «As cousas fanse con control ou non se fan, Caneiriño», dime con frecuencia. Ten razón. El cumpre expectativas. Pero non todas. A doutora Valladares díxome que non hai maneira con el. Preocupeime por se lle pasaba algo. Nada, minucias, está como un touro. Pero tiña que adelgazar. E adelgazou, dou fe. O adelgazamento debía completarse cun par de caixas de pastillas para dous meses. Unha pola mañá, outra de noite, cento vinte pastillas en total para todo o tratamento. Pasaron os dous meses e o Mariló acudiu á cita coa doutora e levou as pastillas sobrantes: trinta. «Non pode ser, Paco, cada caixa leva sesenta pastillas. Unha pola mañá e outra pola noite, sesenta ao mes». O Mariló saíu da consulta da doutora Valladares confundido. Chamoume. Temos que quedar, dixo, pero non podemos. Cóntame por teléfono, contestei ao notalo preocupado. Cando me relatou o caso, cheguei á mesma conclusión á que chegou a súa muller, a Malucha: queda durmido no sofá e moitas veces esquece a pastilla da noite. El tomouno con humor. Dixo: «Ando con insomnio. Só quedei durmido trinta días». Ao Mariló gústalle levar o control de todo!