Lingua galega: noa e tabú

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

25 nov 2020 . Actualizado a las 13:54 h.

Na lingua polinesia de que derivan, tabú é o prohibido e noa o substituto permitido. O tratamento público da lingua galega acumula ambos procedementos semánticos, co resultado de os feitos ficaren agachados, con moi pouca estima pola lóxica. Formulemos, pois, algunhas cuestións. Se nós, galegos, somos máis ricos por posuírmos dous idiomas, daquela, os que só dispoñen do español son pobres? Como é, en pleno capitalismo, que os pobres se entrometen na casa dos ricos? Se, segundo a RAE, o español é un idioma importantísimo no mundo, con millóns de falantes, a conto de que ha de actuar de xendarme e de xuíz das outras linguas do Estado español? Acaso elas rabuñan a súa hexemonía, rotundamente estabelecida na Constitución? Como é que se demoniza a inmersión, en Cataluña por exemplo, e se procura con ansia en Inglaterra, Irlanda ou os USA cando se trata de que nenos e adolescentes aprendan o inglés? É normal que os alumnos galegos sitúen no mapa Oakland e non saiban o que é unha carballeira? Se é así, o amo universal pode impor a súa lei impunemente e non teremos o menor dereito de denuncia ou de reclamación (verbigracia Alcoa). Hai acaso algunha nena-algún neno galego que ignore a lingua oficial do Estado? Cantos hai que non dan enfiado unha pobre frase en galego? Ulo, o tan ponderado bilingüismo? Contra que fantasmas se baten os preocupados polo porvir do español?

 

É o galego unha lingua ou unha sub-lingua? No segundo suposto, abonda co que ten, non hai problema: un uso circunstancial, limitado, prescindíbel. No primeiro suposto, ha de conseguir todos os atributos que definen unha lingua, o español en Madrid, por exemplo: ubicua, interclasista, omnifuncional, autosuficiente, autorrenovábel. Onde, o problema? Se, aínda por riba dunha lexislación-corsé, o dispositivo autonómico se dedica non só a abenzoar o que hai senón a limitar aínda máis as marxes de uso público do galego, que exemplo se está a transmitir aos administrados, xa previamente aleccionados na inferioridade inducida da lingua da Galiza, desposuídos de espellos de emulación e de prestixio? Aspiramos a que o galego sexa unha lingua completa ou facémolo reo da perpetua oración subordinada?: usalo só onde non moleste; cando o deixen falar; para certos usos pre-definidos; se hai quen o reclame? Non vos queixedes, que xa vos deixamos sacar o carnet de conducir!, dicía a piada machista dirixida ás mulleres reclamantes de dereitos. Acaso, para a Xunta, o galego xa acadou «la cumbre de toda buena fortuna» de Lázaro de Tormes? Triste porvir. O galego merece outro destino e outra vida. Niso estamos.