A temperatura da vacina

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

PFIZER

22 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No coronavirus destacan esas puntas que ten por fóra. Rematan en tres moléculas trillizas que, por desgraza para nós, forman un trípode que engancha moi ben cun enzima (unha molécula que activa certas reaccións químicas necesarias para a vida) que temos por moitas partes do noso corpo. Ese trípode fai así de chave para que o virus nos entre nas células. O descubrimento dese feito, posible grazas á criomicroscopía electrónica (só existente dende hai sete anos e premiada co Nobel en 2017), foi determinante para deseñar a estratexia de vacinación que está triunfando: mandar ás nosas células un molde para que constrúan esas puntas (só as puntas) e aprendan a defenderse delas. Ocorre que ese molde é un cachiño de código xenético, unha molécula moi fráxil: escacha a temperatura ambiente e, por riba, hai enzimas do sangue que a papan se a pillan por diante. Por ese motivo cómpre meter o molde nunha caixiña de graxa, que terme dabondo no noso corpo para liberar o molde no momento xusto. O conxunto é moi feble á temperatura e, polo tanto, o que marcará a diferenza entre vacinas será a maneira de xestionar esa febleza. Se a de Pfizer ten que gardarse a -70ºC, a de Moderna presume de necesitar só -20ºC. Pero agora unha vacina alemá innova na maneira de empaquetar o molde dentro da caixa: emprega una pequena variante del que lle permite apertarse máis, e iso seica lle fai resistir mellor a temperatura. Polo momento apúntase a que, deste xeito, a súa vacina podería aguantar a uns 5ºC, como o que hai na neveira da nosa casa.