Marca Isaac

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

22 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucos días celebramos na RAG as V Xornadas de Onomástica con atención especial ás marcas comerciais. A lingua galega e a súa relación co comercio e a identidade. A lingua non só como valor simbólico e factor de socialización, que tamén, mais como activo económico, valor de mercado, que identifica produtos e os instala no mundo (que nestes tempos é a globalización). E, case polas mesmas datas, no Museo da Cidade da Cultura, no Gaiás, inaugurouse a exposición As miradas de Isaac, unha invitación a viaxar polo universo creativo dun dos grandes personaxes do pasado século: Isaac Díaz Pardo, de quen se cumpren agora cen anos do seu nacemento.

Teño diante de min o libro Figuraciós, de Luís Seoane, outro dos nosos grandes. Retratos a pluma e textos de presentación que se publicaban semanalmente neste mesmo xornal. Entre os primeiros, no ano 72, inevitablemente aparece Isaac Díaz Pardo. «Moi poucos galegos teñen feito, no que vai de século, unha obra tan importante en campos tan diversos», escribe Seoane. Na pintura, no debuxo, na prosa, na cerámica… E cito literalmente, «mais tamén as fundacións que fixo, as organizacións fabriles, a súa capacidade inaudita de traballo e as súas ideas encol de moitos problemas estéticos, industriais, etc». O texto, repito, é de maio de 1972, apenas nove anos antes inauguraran xuntos a factoría de Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Museo Carlos Maside…

Castelao dixo de Ánxel Casal, editor, que «el fixo por Galicia moito mais que todos nós». Así o recolle tamén Otero Pedrayo no Libro dos amigos (Buenos Aires, 1953). Os libros que editaba Casal, en palabras do de Trasalba, «son paxaros a voar sobre o mar (…), tripulando leixadas dornas, o vento e o camiño de Galicia neles...». Outrosí poderiamos dicir hoxe dos traballos e arelas de Isaac, se acaso cunha perspectiva máis aberta, consonte o discurso do século que lle tocou vivir (malia as súas grandísimas limitacións): cerámica, deseño industrial, pintura, edición, iniciativas empresariais, mecenado… Todo coa marca Galicia.

As miradas de Isaac, exposición comisariada polos seus fillos, Camilo e Xosé, amósanos un tempo e un personaxe. Mais tamén un soño, a grandeza do imposible que con intelixencia e vontade pode facerse realidade, o amor á memoria (luminosa teima), o amor á Terra e, sobre todo, a fe no porvir, consciente de que dispoñemos de marca de noso para navegar, azos para construír futuro, e que esa marca fundaméntase na intelixencia, na imaxinación, na identidade e na cultura. Traballando nas Xornadas de Onomastica, onde tanto falamos de lingua e mercado, da capacidade creativa do país, que é a única maneira de ser universais, pensaba todo tempo en Isaac (en Seoane tamén), naquel empuxar Galicia polo mundo con velas de porcelana, que da súa man se transformaban en alento de esperanza.