Menos galego aínda?


Unha enmenda ao proxecto de nova lei de educación volta a situar a lingua galega na confrontación política coa participación incluída do presidente da Xunta. Non para garantir a súa total dispoñibilidade, senón xusto para o contrario.

O tan criticado texto di: «As Administracións educativas garantirán o dereito do alumnado a recibiren ensino en castelán e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios». Promocionaría na ESO un alumno ou alumna que concluíse disto a eliminación do castelán das aulas? A comprensión lectora que se esixe ao alumnado galego non pode ser maior que a que mostran os nosos representantes públicos.

Abondan motivos para se opor ao Goberno do Estado por negar dereitos a galegas e galegos, tamén ao uso da lingua. Mais os que reaccionan con furor pola imaxinaria supresión do castelán, calan. Calan, cando os ministerios de Ciencia ou de Igualdade negan premios públicos a traballos en galego; ao saberen que o SEPE non permite trámites na lingua de Galiza; cando se deturpa a toponimia; cando RTVE continúa sen dar posibilidade de acceso aos seus contidos dobrados ou lexendados ao galego ou cando en plena pandemia a app RadarCovid excluía inicialmente o noso idioma.

Calan, ou pior, mudan a realidade por consideraren un exceso a mínima existencia do galego. Porque mínima, cativa e anecdótica presenza é a que ten un idioma cun 8 % na educación infantil; con 18 horas semanais fronte a 31 en castelán na secundaria; con menos de 0,6 % nos xogos e xoguetes; ou 4 % de programación infantil e xuvenil da grella televisiva.

Canto menos de galego é preciso para deixar de atacalo? Non abonda con que hoxe, por primeira vez na historia, o 24% de menores de 15 anos non saiba falar galego?

Pola contra, arrenegan da cooficialidade do galego. Só se pode restrinxir como non vehicular nas aulas unha lingua non oficial. Falou con claridade o Consello de Europa: Remove the limitations. Eliminen as limitacións ao ensino en galego como reclama tamén, en proposta concreta, a comunidade educativa.

Por Marcos Maceira Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Menos galego aínda?