O futuro da realeza

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Ballesteros

10 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días estou vendo unha chea de publicacións que falan do futuro da realeza no mundo. Podería ser unha lectura interesante se o enfoque fose outro. O contido dos escritos pareceume totalmente decepcionante. A maior parte deles dedicábanse a estudar a forma de vestir dos herdeiros ao trono. Concretamente, das herdeiras, ás que loan o uso de tacóns ou definen como curioso se o calzado é moito máis cómodo e deportivo. Chega a facerse unha análise exhaustiva da lonxitude das saias, unha comparación da altura das irmás ou o máis ou menos grosos ou fracos que están uns e outros. Iso si, o príncipe de Dinamarca, seica, posa coma un modelo. Positivo, sendo home. E se fose muller?

Atopei comentarios tan absurdos! Miña irmá, que é menor ca min, sempre foi uns centímetros máis alta. Ai, pobriña eu, que non sufrín trauma! Debera? Porque se es filla da realeza semella que si.

O peor foi dar cunha revista frustrada porque quizais a princesa de España non poida casar co príncipe de Dinamarca. Estaba predestinado, pois naceron cuns quince días de diferenza, pero... un deles tería que renunciar ao trono do seu país! Desastre!

Veña. Teñen quince anos e, como adoita dicirse, toda a vida por diante. Preocúpalles o futuro da monarquía? Pois preocúpense da formación que reciben, dos ideais, de como se comportan. Que vistan saia ou pantalón, usen ou non tacóns, se peiteen con brillantina ou pinten as unllas é irrelevante. Fixarse niso é tan absurdo, retrógrado e irracional que bota medo.