Vaia perrencha colleu Trump. Non é a primeira, estamos afeitos a verlle o queixo retraído adornado cuns beizos en forma de media lúa cara abaixo. Vaia, unha rabecha de neno pequeno de libro, o que coñecemos coma poñer morros.
O que mellor adoita funcionar cos cativos cando collen unha perrencha é non facerlles caso. Ao final caen na conta de que torcer o fociño non serve para nada máis ca para crear desgusto propio e ao redor.
Coa cantidade de enfados caprichosos que tivo Trump ao longo da súa vida, debera saber que espernexar e facer barullo de pouco vale. É tan só unha estratexia para chamar a atención a curto prazo. Ao final, se non hai cimento, a estrutura non se ten en pé.
Pero nada, el segue co seu estilo. Poñendo en dúbida o reconto dos votos e intentando deslexitimar o sistema político vixente. O que sorprende é a aparición do seu fillo sementando dúbidas tamén. Xa non falo das redes sociais, que intentaron incendiar o momento. Semella que as perrenchas tamén se herdan.
Nada novo. Xa o advertira: non vou aceptar a derrota. Pois aí o teñen.
Persoalmente, o que máis me sorprende é a cantidade de votos que, con todo, este perrenchudo conseguiu apañar. Ata aquí chegamos por darlle pábulo a pesar de comportase coma un párvulo. Xa ven, un par de letras poden mudalo todo.
E xa que temos a potencia americana como espello no que mirarnos, fagámolo tamén para evitar erros. Se non queremos un espectáculo político coma ese, vaiamos refreando as nosas leas, ou axiña acabaremos así.