Nós arriba, nós abaixo

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

07 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Asubida ao Gaiás, zigzagueando polas sendas do monte, faise sempre con certa expectación pensando na actividade cultural que nos agarda. A exposición actual, Galicia, de Nós a nós, resulta tal vez demasiado intensa, bótase de menos algo de aire, espazo para descansar a vista e poder pensar. Nunha segunda visita coincidín co conselleiro de Cultura, quen me explicou que estas mostras están concibidas tamén para usos didácticos en liña e visitas interactivas.

Hai cen anos, uns poucos homes novos, na trintena, de diversas ideas e disciplinas, foron os artífices dun galeguismo consciente do «imperioso deber social de crearen pra sempre (?) a cultura galega». Así rezan as primeiras verbas que abren o número 1 da revista Nós, lanzando un desafío ao compromiso en tempos de creatividade, cunha dimensión transversal e poñendo «por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza (?), abríndose ao mundo sen intermediarios entre o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos». Un programa certamente ambicioso, con interrogantes ao día de hoxe, reivindicativo e con afán intelectual, que se mantivo, non sen esforzo, mercé a tres condicións esenciais: o optimismo, a autoestima e, sobre todo, a xenerosidade dos seus impulsores.

Que é Galicia hoxe, o sumatorio de todo o itinerario que arranca dos precursores de Nós e chega ata nós, ou o cribado dun proceso? A institucionalización que experimentou o país desde a aprobación do Estatuto trouxo consigo moitos logros, pero tamén certa sensación de soños cumpridos. A autonomía foi, sen lugar a dúbidas, o acontecemento político, cultural, educativo, lingüístico máis significativo, con intención inclusiva, minorando dalgún xeito o peso ideolóxico, pero, todo hai que dicilo, achegou certo conformismo en detrimento do espírito renovador do galeguismo.

Nós, os galegos do mundo cotián, coas súas continxencias e algunhas alegrías como a posibilidade de perder de vista a Trump, ascendemos á Cidade da Cultura para venerar o grupo Nós como un mito fundacional, ou mais ben para aprender e avaliar o tránsito de cen anos de Galicia. No fondo e polo medio sempre está o tema da identidade, que require ser posta ao día: en que consiste e para que a queremos, para segregar ou para compartir a diferenza.

Ao baixar, neste outono nostálxico, o zócolo paisaxístico do Gaiás ofrécenos un relanzo arredor do estanque, un dos espazos máis gratos do contorno renaturalizado.