Fibras e satélites

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

04 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Apandemia acelerou avances tecnolóxicos que xa se producían, sinaladamente na telemática individual e caseira. Como consecuencia, xurdiu unha barafunda de ofertas, con «fibra» a cachón e certas mencións a «satélites» que, se cadra, é interesante comentar. Vexamos:

Os sinais electromagnéticos -de radio ou de luz- que levan a información deben ser conducidos e rexenerados. Hai cincuenta anos, para enlazar continentes os estados e as empresas de telecomunicación usaban satélites estacionarios (sincrónicos coa Terra). Hoxe, alén de estados e corporacións do negocio telemático, empresas transmisoras de inmensas cantidades de datos (Google, Amazon, Facebook, Microsoft...) invisten en cabos submarinos de fibra óptica. As ondas de radio avanzan no espazo a 300.000 quilómetros por segundo; as de luz pola fibra, a 200.000 quilómetros por segundo. Ora, os satélites xeoestacionarios están a 37.000 quilómetros da superficie terrestre, ou sexa: as ondas que repiten percorren 74.000 quilómetros entre subida e baixada, en canto a luz cruza o Atlántico por cabos de -digamos- 7.400 quilómetros. Bótense as contas de tempo de percorrido; e engádanse as comparativas de capacidade de transmisión, custos de lanzamento (con foguete) fronte a mergullo (con barco), mantemento, durabilidade... Gañan as humildes fibras que hoxe entran no noso dominio doméstico.