Don Ricardo


O 30 de outubro de 1910 nacía en Ferrol Ricardo Carballo Calero, quen na derradeira etapa da súa vida grafaba o seu apelido como Carvalho Calero. As derradeiras vontades deben ser respectadas. Para os que fomos os seus alumnos era don Ricardo. Así foi ata o final. O mesmo día 30 de outubro, dez anos despois do nacemento, editábase en Ourense o primeiro numero da revista Nós, revista que deu nome a toda unha xeración, un xeito de ollar e entender Galicia, unha maneira de situala no mundo. Don Ricardo foi un dos seus colaboradores mozos.

A Real Academia Galega dedica as Letras Galegas deste ano á memoria de Carballo/Carvalho Calero. Un ano atípico, que nos manca e limita a todos. Certo que, paradoxalmente, as novas tecnoloxías permitiron unha difusión da figura e da obra do autor como en ningunha das edicións anteriores. As novas e as vellas tecnoloxías. Velaí o número de publicacións, académicas e de divulgación dirixidas ao mundo dos especialistas (historiadores, críticos literarios, filólogos) e ao mundo da escola, por máis que neste ámbito sexa onde inicialmente máis minguadas ficaron as posibilidades pola propia situación do sector neste período. Mais a obra está aí. A obra e o seu discurso, as súas achegas científicas, literarias e estratéxicas, algunhas das cales procuramos formulalas no simposio que en catro xornadas dedicamos ao autor. A obra está aí para quen queira recollela, estudala e difundila.

¿Poderiamos facer máis? Persoalmente botei de falta o debate, o intercambio de ideas, que era o que propoñiamos no ámbito académico. Ocasión haberá. Tamén algúns xestos simbólicos como a presenza da cidade de Ferrol e a cidade de Lugo, onde exerceu a docencia en anos certamente difíciles (1950-1965), aínda que en ambos casos houbo esa presenza nos primeiros meses deste ano: no CEIP Cruceiro de Canido, por exemplo, e no colexio Fingoi diante dos seus antigos alumnos. Deberiamos recordar o compromiso do concello ferrolán de recuperar a casa natal do escritor, hoxe na ruína.

A Universidade de Santiago presentou o seu habitual libro de homenaxe, con traballos moi cualificados, ao tempo que a Facultade de Filoloxía inauguraba a Porta Carvalho Calero, que dá á rúa que leva o seu nome. Outrosí o Centro Ramon Piñeiro para investigación en Humanidades, a Asociacion Galega da Lingua (AGAL), a Secretaría Xeral de Politica Lingüísica, o Parlamento de Galicia, o Consello da Cultura Galega que, entre outras cousas, presentou unha fermosísima edición de A farsa das zocas, respectando as propostas ortográficas do autor. Os lectores deste xornal saben da atención que se lle prestou nas súas páxinas, coa edición dunha biografía específica.

Son algunhas actuacións. ¿Podería haber máis? As figuras ás que a RAG dedica o Día das Letras Galegas non están mortas. Son propostas abertas, recoñecidas e permanentes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Don Ricardo