Palabras de goma

OPINIÓN

28 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As palabras son tan elásticas que, ás veces, para moita xente se converten nunha sorte de goma de mascar que se estira até límites insospeitados. E non falo desta volta dunha linguaxe figurada en mans de quen se dedica á arte da escrita, senón dunha boa parte da nosa clase política que en canto está diante dun medio de comunicación trenza palabras coma se estivese a ensaiar un idioma novo. Todos saben que importa máis o relato que a realidade e, como dicía Lobo Antunes, onde hai certezas a arte é imposible. Así, vemos como a política gusta dos eufemismos, desas expresións postizas que procuran tapar as evidencias.

O peor de todo xa non é o que se di, senón como se di, con esa dignidade envarada que semella estar no centro dunha convicción. Nestes anos asistimos a momentos memorables, moitos deles protagonizados por esa especie de ironía espontánea de Mariano Rajoy, pero talvez un dos que máis transcendeu foi aquela simulada indemnización en diferido que nos regalou María Dolores de Cospedal para xustificar que o partido seguise pagando ao tesoureiro Luis Bárcenas. Fora xenial vermos como esa linguaxe labiríntica erguía, cunha forza bíblica, un eufemismo que xa ficará para sempre nos anais da historia política española.

Poderiamos poñer unha morea de exemplos onde a leria política se arrastra polos medios de comunicación e exhibe esas perlas falsas para canear a realidade e non ter que traducir as nosas expectativas. Por iso, logo de escoitar como o presidente Pedro Sánchez anunciou a declaración do estado de alarma, quedo moito máis tranquilo porque agora xa sei que esa fermosa desolación que hai na vila a partir das once da noite non é produto dun toque de queda senón dunha restrición á mobilidade nocturna. Moito mellor.