Estado de calamidade

OPINIÓN

Rafael Marchante | Reuters

28 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que a xurista que hai en min non adoita buscar a poética dentro das normas legais, a escritora que habita na miña mente non pode se non renderse á denominación que lle dan os veciños portugueses ao que acontece nas nosas vidas por mor do covid-19.

Calamidade. Segundo a Real Academia Galega, este substantivo feminino fai referencia a un «suceso grave que produce perdas, desgrazas ou sufrimentos». Dende logo resulta moito máis gráfico e axeitado que un mero estado de alarma.

Se me permiten, deixo aparcada á xurista e adéntrome na descrición da nosa calamidade.

Todos somos quen de enumerar o que perdemos nestes meses, o que sacrificamos. Eu, que sempre presumo da miña teima de facer listas mentais, podería facer rapidamente unha lista das cousas que deixei no camiño. Dende a estrea en Madrid no teatro da obra baseada na miña novela, ás viaxes a Italia para promocionar o último libro. Pero esas son, a fin de contas, cousas materiais. Non sei se volverán. Proen máis outras cousas. E o que máis, a conciencia de que están a cambiar os modelos de relación social.

Veño observando ultimamente como se están a deshumanizar as relacións sociais. Nas últimas semanas pasei o meu particular día de furia cando un condutor dunha grúa decidía deixarme atrapada nun carril de servizo manifestando un absoluto desprezo pola miña persoa, ou cando un pai estivo a piques de pegarme nun supermercado porque rocei á súa nena co carro da compra (despois de terme desculpado coa nena que nin se decatara), e como unha muller me insultaba por invadir dez centímetros da súa praza de aparcamento (e si, aquí tamén me disculpara e me ofrecera a mover o coche se lle molestaba aínda que na súa praza sobráballe sitio).

Tamén están os que vixían as túas redes sociais para verificar se sacaches a máscara ou se gardas a distancia de seguridade, sen verificar sequera de cando é a foto que colgaches. Parece que a convivencia vén agora mediatizada por un estado de exaltación constante, no que non hai filtros. Onde non se admiten as desculpas, onde cada un vela polo seu interese particular e goza manifestando supremacía moral.

Así que agora que o noso estado de alarma nos volve recluír nos nosos fogares, de xeito distinto pero con base legal, volverán os policías de balcón, os aplausos aos médicos que acabaremos denunciando, os asubíos ao que pasea despois das once da noite ou do que non leva máscara. E mentres outros enchen as súas redes sociais de memes de papel hixiénico ou de mensaxes Mister Wonderful que anuncian que desta imos saír mellores, eu volvo recurrentemente á denominación portuguesa, a esa definición da verba calamidade, e coido que non peco de fatalista se digo que veñen tempos de perda, de desgraza e de sufrimento.