Quedamos aliviados co discurso de Casado na resposta á moción de censura da ultradereita. Todo o mundo menos os cincuenta e dous neofalanxistas da Cámara. Tiñamos gañas de escoitar ao líder do PP un discurso conservador, mesmo reaccionario, pero de dereita democrática, que rachase co trifachito de Colón. Esperábamos con ansia ese intre polo ben da maioría. A súa intervención no pleno axustouse a ese guión necesario e superou as expectativas. Foron tan sorpresivas as súas calculadas palabras na ruptura co neofalanxismo franquista que, como ben escribiu X. L. Barreiro neste xornal, Casado logrou converter unha das expresións máis vulgares e domésticas do castelán, «¡hasta aquí hemos llegado!», nun conxuro que pareceu elevar o ton da política actual. Para moitos foi o discurso dun estadista. Dun político con sentido de estado.
O discurso foi necesario, oportuno e ben calculado no ton e nos contidos, pero o evidente exceso nos eloxios que se lle adicaron ten que ver co alivio xeral que trouxo a un panorama político que leva dous anos ameazado de asalto pola ultradereita, nos discursos e nos actos. Interésanme menos as razóns do aparente xiro de Casado, sobre as que se especulará a esgalla, que a unánime reacción positiva que provocou en todas as forzas políticas. Interesa menos a coherencia que se lle reclama agora ao PP nos actos dos gobernos que dependen dos neofalanxistas, en Madrid ou Sevilla, que ese xiro declarado no discurso que alonxa á dereita das tentacións iliberais, antidemocráticas e racistas. Interesa a política democrática e esa é a que gaña. O seguinte paso, inevitable, de Casado será aceptar a lexitimidade do Goberno, dos deputados que o votaron e dos partidos que o conforman. Non sei cando pero tamén o dará.
O que chama a atención é o ben que os deputados e os dirixentes do PP asumiron este xiro. Igual que os medios madrileños próximos aos populares, dixeran o que dixeran o día anterior. Que diferenza cos traballos de Sánchez para ser aceptado polos dirixentes e ex-dirixentes do PSOE ou a opinión pública e publicada do seu ámbito político. A Casado abondoulle cun discurso oportuno, Sánchez aínda non logrou a plena aceptación pese a ser presidente do Goberno, devolverlle ao PSOE a condición de partido máis votado, gañar unha moción de censura e recuperar a secretaría xeral socialista polo apoio dos militantes. Aceptando liderados e recoñecendo auctoritas a dereita é ben diferente da esquerda. Que llo pregunten a Touriño e a Quintana, por falar dos máis próximos.
Gañamos todos fronte aos que se din herdeiros dunha Ditadura que acolleu nazis e criminais de guerra de toda Europa e na que o roubo de nenos e nenas ás súas familias está documentado como unha práctica criminal que continuou nalgúns casos ata ben entrada a democracia. Como non íamos quedar aliviados co discurso de Casado?