Sabes, abu?

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Sabes, abu? A xente case non se ve. Non, non, non é que se faga transparente, todo o contrario, hai moito ego e parece que todos anden erguendo a man para facerse notar. Digo que xa non se vai ver á xente. Faise todo por teléfono e ordenador, ou pantallas. Chamas e podes ver aos demais, coma naquelas películas do futuro que viamos. Así aforran o tempo de ir.

Non, claro, non é o mesmo. Non poderías coller ás bisnetas no colo, iso non se conseguiu, sería teletransportarse! Ata aí non chegamos!

Iso si. Gástanse un mundo de horas preparando material para poñer na internet, ese universo cibernético que non sabemos moi ben como anda, pero que aí está, enchéndoo todo. Ben, a verdade é que agora tampouco se poden facer moitas xuntanzas. Andamos algo amolados a causa dun virus. Si, si, o que oes, un bicho deses microscópico. Pois ten a todo o planeta en alerta. Non minto, é verdade. Morreu unha chea de xente. Si, éche coma unha guerra, onde o inimigo é invisible. Ben, hai quen di que o inimigo somos nós e os políticos, sobre todo. Si, iso non cambiou, seguen encerellados en saber quen manda máis e moi preocupados en criticar o que os demais non atinan ben. Non ho!, eles tampouco dan solucións.

Era ben máis bonito oírte a ti contar as cousas de cando te agochaches da guerra. Oxalá puidese agocharme eu.

Veña. Déixote, que xa puxen as flores e limpei a lápida. Claro, abu. Eu veño verte igual, aínda que non o poida facer literalmente. Si, éche o mundo ao revés. Pero, quen sabe, igual un día volve virar ben.