Falemos dos suicidios

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

17 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouco se fala dos suicidios para a cantidade deles que se producen. En Galicia imos á cabeza nesta taxa. Leva máis vidas por diante ca os accidentes de tráfico (o dobre), os homicidios (once veces máis) ou a violencia de xénero (oitenta veces). Cada corenta segundos suicídase unha persoa. En España, cada dúas horas e media. É a segunda causa de morte na mocidade. Dez vidas que foxen diariamente. Non merece atención?

A saúde mental é imprescindible. Hai moitas doenzas mentais, invisibles. Ese é o primordial problema, non detectalas. Na nosa responsabilidade está poñelas na primeira liña de saída e obrigarnos a mirar cara elas. Todos temos malos días, momentos peores ou máis difíciles. Sinto medo neses estados anímicos baixos, pois non é tan difícil afundirse, deixar de ver que hai moitísimos puntos aos que agarrarse.

Seguro que hai casos que nos tocaron de preto. Pénseno. Ponse a carne de galiña. Que fráxil a vida, que fráxil a mente.

Por iso saúdo a quen atopo no ascensor, na escaleira. Por iso me fixo na xente maior que camiña soa. Por iso me preocupan os nenos que non xogan no parque. Por iso me parecen tan importantes os sorrisos, aínda que agora só poidamos amosalos a través dos ollos. Deixemos de ocultar os suicidios e as doenzas da mente e poñámonos mans á obra para axudar, salvar. É o mínimo que merecen os que padecen. Deámoslle visibilidade. Podemos previr.