O éxito da derrota

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

13 oct 2020 . Actualizado a las 19:26 h.

O mesmo que a dor adoita ser unha aprendizaxe, tamén é certo que aprendemos máis das derrotas que das vitorias, ou máis das críticas construtivas que das gabanzas esaxeradas. Dende que nacemos hai unha teima por alcanzarmos o éxito, desprestixiando o fracaso. A visibilidade desa obsesión onde máis emerxe é no deporte, que pon sempre o foco no resultado e na necesidade de amosar que un é mellor que os demais. Esa máxima hoxe segue a ter a mesma vixencia e, talvez, se radicalizase máis por unha sociedade a cada volta máis competitiva. Ás veces, coma por arte de maxia, xorden excepcións que nos fan parar de súpeto e reparar en que o ser humano non está perdido de todo. Lembro o caso dun adestrador de fútbol das categorías xuvenís que decidiu, logo de que o seu equipo remontase un partido, que os seus xogadores marcasen un tanto en propia meta. O motivo desta orde era compensar a inxustiza por anotaren o gol cando dous rivais estaban tendidos no céspede logo dun choque fortuíto. Houbo algúns que non compartiron o seu criterio, pero o punto acadado polo empate dese partido tivo o seu peso en dignidade. Outro caso máis recente, e non menos significativo, foi o dun mozo madrileño que estaba a piques de acadar o terceiro posto nunha proba de triatlón en Santander e deixou pasar un rival que se confundira na última curva e batera contra un valo metálico. Con ese xesto de cortesía, o corredor que ía diante apañou un aplauso unánime e mais o importe en metálico dese terceiro posto cedido, outro xesto memorable da organización.

Non cabe dúbida que nos dous casos a altura da lección reunía todos os ingredientes dunha gran vitoria.