Pequenos xestos contra o virus

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

David Zorrakino

09 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día, unha nai berraba polo cativo. «Pedro, ven aquí!» Pero Pedro miraba absorto algo ao lonxe. «Pedro! Pedro!! Ti óesme?» O cativo seguía ao seu, ata que a nai se lle plantou a un par de centímetros da cara, baixou a máscara, e lle espetou: «Pero ti non oes a mamá?» Pois non, non a vía, entendo, pola cara de susto que puxo o pícaro e o chimpo que pegou. «Ven aquí!» -reclamouno.

Seguiuna calado e ao pouco preguntou: «Estás enfadada?» «Pois claro que estou, non me ves?» Foi cando o neno negou coa cabeza. Estaba sendo sincero, o certo é que non pode ver nin a metade da cara da súa nai e cústalle definir as expresións. Non me resistín ao sorriso, pero a situación dá para reflexionar.

A intuición é algo que agora mesmo temos fanada, está claro. Xa non podemos ler nos labios, pero debemos evitar a tentación de amosalos. Son pequenos xestos, pero máis importantes do que pensamos.

Marina Blanco, unha neumóloga, avisábanos de que non saquemos a máscara no ascensor. É abafante estar con ela todo o día pero por un par de minutos máis, non estraguemos o sacrificio. Se alguén infectado usa un ascensor sen máscara, as partículas que poden contaxiarnos quedarán nel durante un certo período de tempo, por iso en lugares pouco (ou nada) ventilados debemos extremar as precaucións. Son pequenos xestos, pero todo axuda.

Cumpramos todas as normas que nos indiquen. Pensemos en nós e nos que nos arrodean. Sexamos precavidos. Fagamos todo o que estea nas nosas mans. Porque todo conta.