Ganas de rir (por non chorar)

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Óscar J.Barroso

07 oct 2020 . Actualizado a las 19:50 h.

Confésoo. Busco nos xornais e nos programas da televisión e radio noticias que non teñan que ver coa pandemia do coronavirus. Porque necesito evadirme da psicose un chisco, quero volver a rir sen medo, aínda que sexa detrás das máscaras. A «comedia» do Goberno central e a comunidade de Madrid paréceme tremenda. Por desgraza, sei como se están levando os casos de seguimento dos que se contaxiaron co virus e, créanme, non é momento para estar enleados en amosar quen manda máis.

Así que, como non quero chorar, busco algo co que rir. E, sen querer, atópoo. Torra inhabilitado. Quen o diría! -escoitei comentar a alguén sobre o caso. Quen o diría... por que? Realmente, vaise cun soldo que non se me ocorre nin soñar a min. Non só iso, con oficina e coche oficial. Durante máis dun ano cobrará máis de 120.000 euros e, para cando se xubile, uns 90.000. Ata que morra.

Que inhabilitacións máis marabillosas... va que non? Claro que despois do de Rato, xa nin debera inmutarme. Bankia perdeu millóns, tiveron que solicitar rescate público e, oh! Que cousas! Máis de trinta acusados absoltos. Ou sexa, eu pagando a facenda a recapitalización da entidade para que estes tipos se rían de min, de todos (que para iso somos Facenda) e en especial dos inversores a quen deixaron sen cartos. Pero ben, a gargallada estoupa cando Villarejo di, sen inmutarse, que Cospedal lle debe «cen mil pavos».

Prefiro seguir lendo sobre o coronavirus, así o digo. Polo menos non ten conciencia por natureza.