Traxedia

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

26 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces o covid-19 non nos deixa reparar en asuntos que deberan merecer a nosa atención e que, ante as cifras de mortos e positivos que axudan a expiar o noso propio sentido da fortuna ou da hipocondría (segundo se mire), pasan coma unha exhalación na que non pensamos. O covid obrigounos a empatizar cunha tristeza anónima, aséptica, probabelmente máis sentimental que realmente sentida. E porén, aí seguen as historias tristes de veras, as traxedias con nomes e apelidos que teiman en comparecer nas marxes do covid, ou se cadra, acentuadas pola pandemia que fixo máis graves outras enfermidades, máis dramáticas outras historias e máis tristes outras vidas, coma as das persoas que padecen algunha enfermidade mental.

Velaí esa persoa que, presa da loucura, afogou un meniño en Compostela. Imposíbel non sentir, de súpeto, unha dor verdadeira, con facianas que se materializan no neno e no propio homicida. Imposíbel non poñerse non só no lugar desa familia que é á vez próxima á vítima e ao verdugo, e que quizais se debate entre considerar vítima tamén ao segundo. Imposíbel non pensar no que acontece desde hai seis meses nos hospitais e centros de saúde nos que o covid levou por diante a atención psiquiátrica e o natural medo ao contaxio, acentuado se cabe cando alguén non está ben, adiou consultas, receitas, seguimentos e acompañamentos.

As traxedias, xa o dicían os gregos, non son produto do azar, senón do destino. E o destino é, en realidade, unha concatenación de causas e consecuencias que rematan dando lugar ao infortunio. Ás veces, nos titulares, só vemos o infortunio. Pero cómpre pensar na orde causal que provoca a dolorosa traxedia.