Un pouco clasista

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

FERNANDO VILLAR | Efe

23 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Un pouco clasista, aínda que ela non se dea conta». Así describiu a xornalista Carmen Rigalt á deseñadora Ágatha Ruiz de la Prada i Sentmenat, marquesa, baronesa e grande de España nun recente programa de televisión. É opinable pero ten sentido. Un pouco clasistas parecen tamén as medidas finalmente tomadas na Comunidade de Madrid para controlar o coronavirus: illar só uns poucos barrios e concellos, nos que se concentran os operarios e traballadoras domésticas que se desprazan diariamente en transporte colectivo aos seus postos de traballo. Clasistas e moi tardías medidas, para a zona que bate récords europeos de contaxio. Precedidas de confusas declaracións racistas da presidenta Ayuso. As dúas cousas teñen relación. Por que non tomaron medidas antes? Seguramente pola presuntuosa teima de converter nun problema de Estado o que acontece en Madrid, ata implicar ao mesmo presidente do Goberno, que non logrou resistirse á lóxica centralista. Unido ao pouco constitucional hábito de non exercer as competencias que a autonomía outorga e ás que obriga.

O cheiro clasista revelado polas últimas accións do Goberno PP-Ciudadanos na comunidade madrileña, sumado as inaccións destes meses en relación co virus, responden a un patrón ideolóxico doado de identificar en discursos e actuacións. Revelan unha política e unha forma de actuar que responde a unha posición ideolóxica moi definida para a que o máis importante é a creación de riqueza económica, e a iso debe supeditarse toda a política. Así o declararon repetidamente Ayuso-Aguado nestes días. O segundo principio reitor é o da liberdade individual por riba das liberdades colectivas -das consecuencias que teña nas colectivas-. Inesquecible aquel Aznar preguntándose quen pode dicirlle a el cantas copas de viño tomar antes de conducir. Só en terceiro lugar hai espazo para a mención da cohesión social como unha necesidade para dar estabilidade ao corpo social e evitar a conflitividade tan prexudicial para a xeración da riqueza dalgúns.

Nin fraternidade nin igualdade teñen sitio nese olimpo ideolóxico de certa elite. Nin os dereitos civís que tecen irmandades, nin a igualdade de oportunidades, nin a igualdade no acceso aos recursos públicos; moito menos a equidade no acceso á riqueza producida colectivamente. O clasismo tiña mala prensa e moi mala reputación, pero sen que nos deramos moita conta púxose a gobernar co voto da maioría e agora parece vivir o seu momento, mentres a maioría empeza a ver as súas consecuencias por conta do andazo. Pechar Madrid pode ser a solución, nunca pechar aos madrileños máis humildes e traballadores. Non tomar medidas en tempo e con sentido igualitario pode custar vidas e tamén moito diñeiro a todos.