Aforos pandémicos

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

21 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei a vostedes, pero a min cústame distinguir a tose seca dos outros dez tipos de tose recollidos na Wikipedia, así que acribillo ao meu facultativo a peticións de PCR. Ante tamaña pesadez, mandoume un bonito vídeo que demostraba visualmente como, máscara en cara e distancia de seguridade mediante, o coronavirus ten francamente difícil entrar. Visto o vídeo, compartín con el as miñas dúbidas: «Entón, por que hai teatros en que, sendo a máscara obrigada, separan uns tres metros a cada persoa?» Miroume estupefacto: «Son médico, non xestor cultural». «Xa, pero como experto sanitario, non opina que suspender determinadas presentacións de libros, mesmo ao ar, é absurdo?» Por que podemos ir hora e media de Coruña a Vigo nun vagón de tren ateigado, pero non compartir ese mesmo tempo coas mesmas cen persoas, mais separadas por metro e medio nun teatro? Por que os bares si e as librarías non? As compañías aéreas deberían comezar a programar teatro, pois un avión é o lugar onde máis fácil é a día de hoxe xuntar douscentos espectadores. Botoume da consulta. A cultura, xa saben, é máis perigosa ca o covid, e declárao unha nova clase dotada de inusitado poder: os expertos en riscos, que len as mesmas normas que as escritoras (expertas en lectura) dunha forma tan diferente que parecen escritas nunha lingua cuxos principios só coñecen eles. Entrementres, coma sempre, o prexuízo é para as persoas que (mal)vivimos da cultura. Xa case ninguén se lembra de que, na corentena, as artistas salvamos da loucura incluso aos técnicos de cultura dos concellos. Claro que, daquela, agasallabamos a arte. Era iso, e nós parvas.