ÚLTIMAS HORAS - BLACK DAYS -
Suscríbete 1 año con el 50% de descuento
Quiero la oferta

A xeración do xabarín

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

TVG

20 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mesa pola Normalización Lingüística está a recoller sinaturas a prol de recuperar o espírito do que no seu día foi o Xabarín Club, unha das experiencias máis felices da comunicación e da televisión galega, CRTVG, na procura de integrar (socializar) rapaces e rapazas arredor do idioma. Non é a primeira vez que se fala da Xeración Xabarín para identificar aqueles mociños que no ano 1994 tiñan catro ou cinco anos, se cadra algúns máis, que medraron cos debuxos, as cancións, as voces dos personaxes que enchían durante varias horas a pequena pantalla, diante da cal se instalaban os nenos e as nenas ao regresar do colexio. Estou a falar de Shin Chan, as Bolas Máxicas, Daniel o fedello, Vicky o viquingo, os Supersónicos.., e mais tamén das musicas de Siniestro Total, os Diplomáticos de Monte Alto, Herdeiros da Crus ou Silvia Superestar, que compuxeron cancións pensando naquel público.

Os nosos fillos criáronse co Xabarín Club. Algúns mesmo participaron nas actividades extraescolares que o club promovía, e presumían do carné de afiliados (case 100.000 contra o ano 2005). Nos seus tempos máis activos, o programa de televisión, que conectaba coa audiencia cunha eficacia extraordinaria, mobilizou moitos miles de rapaces arredor do idioma, que soubo converter nunha festa, un espazo de lecer e descubertas, nunca unha imposición nin obriga. Cabe maior eficacia? O animaliño, que agora anda medio perdido polos nosos campos de millo e as pistas do país, era un deseño de Miguelanxo Prado. Digo era e en realidade segue sendo, pois o porquiño bravo segue aí, mais aquela experiencia marchou. Intentou reactivarse no ano 2013, pero non foi a máis. Porque cambiou o mundo? Porque a rapazada anda noutras cousas? Porque non soubemos renovar os contidos e as estéticas? Seguramente por todo isto, mais tamén porque alguén pechou a billa dos recursos, e sen recursos, sen investimentos e diñeiros para renovar, contratar novas formas e servizos, ensaiar novas prácticas, todo acaba na rutina. Hoxe a marca Xabarín Club, que aínda existe, esmorece na segunda canle da TVG sen que apenas ninguén terme dela.

A proposta da Mesa non merece máis ca apoios. Falamos da necesidade de manter vivo o idioma nas novas xeracións. Nunha política lingüística futura, que haberá que afrontar con afouteza e sen complexos, recuperar este tipo de iniciativas, xunto con outras pensadas dende o lecer, o consumo de información, a creatividade, as novas tecnoloxías, novas formas de comunicación da infancia e da mocidade, novos produtos culturais, novos espazos de socialización, un novo pulo nas estratexias e nos recursos escolares, debería ser unha prioridade, e unha mostra de que, se hai vontade e un mínimo de intelixencia política para atopar espazos comúns de actuación, aínda podemos corrixir a deriva.