Qeimados

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Agostiño Iglesias

18 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Queimados quedan os montes. E queimados quedamos nós. Parece que os padróns de destrución non paran de repetirse: os dos lumes, os da pandemia, os da crise... Sabemos que están aí, vémolos vir, e aínda así non podemos con eles, ou non sabemos como facer para evitalos. A impotencia é un deses sentimentos que ten tanto a capacidade de unirnos contra unha grande adversidade coma a de separarnos por completo da realidade para facer que xa non queiramos sentir nada e nos asentemos na indolencia.

Pero algo teremos que facer para seguir, non? Para min, unha das sensacións coas que non consigo a paz nestes meses é a idea de que non sei contra que estou a loitar. Porque sen dúbida o virus ten a culpa de moitas das cousas que nos están a asoballar, pero a realidade tamén é que, dalgún xeito, sabiamos que moitos dos piares que sostiñan a nosa sociedade vivían pendurados dun feble fío que, ao mínimo movemento, racharía.

Na vida profesional, aínda que ás veces sexa a golpes, unha acaba aprendendo a escoller as batallas nas que quere loitar e a deixar de lado as que non pagan a pena. Pero no persoal, e con tódalas crises posibles arredor, unha non para de preguntarse cal é a batalla que quere pelexar, cal é a causa á que quere contribuír, cal é a inxustiza contra a que quere loitar...

E mentres tanto, os montes quéimanse, os negocios pechan, agrávanse a pobreza e a exclusión social, e os maiores seguen a estar illados. E por onde empezar? Quizais por non esquecer que estes problemas non son novos, ou por aceptar que o esquecemento colectivo da sociedade fai que se repitan moitos destes padróns de destrución, dos que por desgraza todos somos algo culpables.