A propiedade de Meirás


Desde que se soubo da sentenza que obriga os herdeiros do ditador Francisco Franco a volver o pazo de Meirás ao seu lexítimo dono, o Estado, correu polas redes a comparación da familia cunha banda de okupas que acabarán sendo desaloxados seguramente despois dunha morea de apelacións coas que alongar ad aeternum o uso e abuso do pazo.

A verdade é que custa ver os Franco no ideario okupa. Aínda se Franco se metese unha noite no pazo e pola mañá aparecese amoblado ao seu gusto, con novo pecho e escudos de armas reesculpidos! En realidade, tivo tino de reescriturar a propiedade para aparecer como titular do pazo, conseguido durante a guerra a través de doazóns forzosas para logo pasar ostentosas vacacións moi pouco okupas e pasear os eméritos amigos que, cos anos, serían os protagonistas da nosa bonita Transición.

A sentenza da xuíza Marta Canales é histórica porque analiza o que foi o franquismo para explicar a apropiación fraudulenta do pazo, e, por tanto, a herdanza indebida por parte duns descendentes, que, como calquera lector do ¡Hola! pode corroborar, pouco se imitan aos okupas, que en realidade adoitan malvivir en casas ruinosas, institucións abandonadas ou esqueletos urbanos perdidos entre expedientes administrativos interminábeis. Non son okupas, non: son persoas que ostentan con orgullo a herdanza vergoñenta do fascismo made in Spain.

Se cadra, tería sido máis rápido ter okupado de verdade o pazo de Meirás nos oitenta, pero perderiamos un xusto agasallo en forma de restitución da dignidade: veremos saír pola porta de atrás do pazo aos mesmos que ostentan unha fortuna familiar cuxa procedencia sabe cada morto soterrado nas cunetas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

A propiedade de Meirás