O que merecemos

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Ricardo Rubio - Europa Press

07 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un refrán castelán di: «Cría buena fama y échate a dormir, críala mala y no podrás vivir». Durante moito tempo España foi para o mundo o país de «charanga y pandereta» que criticou Antonio Machado, un lugar ao que viñan gozar do sol e das festas e onde se podían facer cousas prohibidas nos seus países, por exemplo tirar cabichas ao chan. O cambio de imaxe empezou co deporte. Xa non eran figuras illadas, como foron Bahamontes ou Santana. Eran deportistas dun país que empezaba a soar con forza. Indurain, Ballesteros, David Cal, Javier Gómez Noya, Pau Gasol, Rafa Nadal, Calos Sainz, Fernando Alonso, Carolina Marín… figuran entre os mellores do mundo. En arquitectura ás figuras xa clásicas de Fisac, Sainz de Oíza ou Rafael Moneo uníronse infinidade de arquitectos admirados dentro e fóra de España. E podería seguir citando nomes de pintores , de músicos, de escritores… Pero, de súpeto, esa boa imaxe é substituída pola dun país sumido nun caos económico, sanitario e administrativo. A mala xestión da pandemia fai aflorar todas as nosas carencias. A tardanza en tomar medidas, a improvisación, as normas contraditorias, o engano e o ocultamento da realidade; en suma, a incapacidade de quen debía xestionar a situación lévanos a ser un «nefasto modelo» aos ollos de Europa, a que nos tachen de «vagos» en Holanda e a termos que tragar o insulto porque necesitamos a esmola do diñeiro europeo.

 Gustaríame pensar que non merecemos isto, pero outro refrán di que cada pobo ten, porque os elixe ou porque os soporta, os gobernantes que merece.