Okupación: temos que cambiar a lei

Celso Delgado FIRMA INVITADA

OPINIÓN

Oscar Vázquez

04 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía Feijóo no seu discurso de investidura no Parlamento de Galicia, que «como a maioría dos cidadáns, estamos preocupados pola ocupación ilexítima de vivendas. Dana a convivencia, atenta contra os valores que nos fan fortes como sociedade. E, como no resto de España, está crecendo de forma preocupante, polo que se debe reaccionar a nivel nacional con rapidez e contundencia, modificando a normativa legal axeitada».

A miña plena coincidencia con estas palabras, que integran a posición do Grupo Parlamentario Popular, que rexistrou no Congreso dos Deputados o 17 de xullo unha Proposición de Lei Orgánica para -desde os ámbitos civil, penal, procesual e administrativo- combater o alarmante e crecente problema da ocupación ilegal de vivendas e garantir así a propiedade privada, a convivencia veciñal e a seguridade das persoas.

Entre os seus puntos fundamentais atópase: o reforzo do delito de usurpación, pasando de penas de multa a privación de liberdade dun a tres anos; a axilización do proceso penal para xulgar este tipo de delincuencia; a determinación de que o ocupante ilegal dun inmoble non gozará da protección de morada ou domicilio fronte á actuación da autoridade pública, que ademais poderá desaloxar a vivenda nun máximo de 48 horas con plena seguridade xurídica.

Tamén que a ocupación ilegal non poderá dar lugar á inscrición dos ocupantes no padrón municipal; a penalización das mafias que se lucran alugando vivendas ocupadas; a dotación de potestade ás comunidades de propietarios para realizar accións preventivas contra a ocupación ilegal e poder acudir ás autoridades, cando, en ausencia do propietario, os ocupantes realicen actividades prohibidas, molestas, incívicas ou insalubres.

O Goberno de Sánchez e Iglesias e os grupos que o apoian non poden dar as costas a esta urxente reforma da lexislación e minimizar un problema de enorme importancia. Só na primeira metade deste ano, rexistráronse en España 41 denuncias diarias, un 5 % máis que no mesmo período de 2019, experimentando en Galicia un notable incremento.

Os cambios legais que propoñemos nada obstan á protección dos máis desfavorecidos e á garantía da vivenda que deriva dos principios reitores da política social e que guía as políticas públicas. Non deben confundirse as necesidades de vivenda e a súa cobertura coa loita contra a delincuencia, as actividades incívicas e as condutas que poñan en risco a seguridade das persoas e das cousas.