Aprender a vivir


Doutra maneira. Porque a vida continúa. Non lembramos un verán coma este, dirán algúns. Polo menos a nosa xeración non o recorda. Certo que nos últimos tempos, dende o 11 de setembro de 2001, sobre todo, cando o atentado ás Torres Xemelgas, a humanidade ten vivido experiencias moi traumatizantes. Seguramente non máis terribles ca noutras épocas, pero a globalización, as tecnoloxías da comunicación que transformaron o mundo nun pano ben pequeno (ás veces nun abraiante espectáculo), axigantan de tal maneira os feitos, multiplican os efectos, acurtan de tal xeito as distancias, desatan con tanta celeridade as reaccións que dificilmente nada é comparable. Ás veces parece que non temos tempo nin para respirar. Vivimos no corazón da tormenta. Así é como o percibimos.

E, non obstante, dito todo o anterior, como foi a memoria dos nosos pais ou dos nosos avós, por exemplo, por non ir máis aló do pasado século? Que marcas profundas deixaron neles outros acontecementos? A gripe do ano 18, a Primeira e Segunda Guerra Mundial, o Holocausto, a Guerra Civil española, a traxedia das familias rotas e os exiliados, a represión e a fame da posguerra, o esgazamento da emigración, por citar experiencias próximas, ou sentidas como tales. Cando falabamos destas cousas coa miña avoa, as poucas veces que falaba disto connosco, había sempre un final de frase que o resumía todo: «Tivemos que aprender a vivir».

Sen querer comparar os tempos nin as xeracións, sospeito que a reflexión é a mesma. Cada época ten a súa circunstancia, o seu contexto e a súa sazón, e ao ser humano lle corresponde a capacidade de afrontala, aínda diría máis: a capacidade para tirar leccións e comportamentos. Imaxino os nenos e as nenas camiño da escola dentro de dúas o tres semanas, a preocupación das familias, a responsabilidade do profesorado nas aulas… Certo que os primeiros que deben render contas son os que nos administran e gobernan, pero a responsabilidade é de todos. E non quixera que se interpretase isto nin como escapismo nin como disimulo. Mirade aos ollos desas rapaciñas e rapaciños que se preparan para ir ao colexio estes días, algúns por primeira vez, amañando a súa pequena máscara, entre abraiados e asustados. Observade os seus ollos, atentos aos nosos, coma quen se mira nun espello para intentar comprender a realidade. Nós, os adultos, somos o espello: de conduta, de valores, incluso para establecer os métodos e os protocolos cos que nos relacionamos cos demais. Cada un ten a responsabilidade de explicarlles o mundo, que de xeito tan extraordinario se abre para eles. Ensinalos a vivir. Sen perder a dignidade, a alegría, os principios sobre os que construímos a nosa sociedade (que é a nosa civilización). Iso empeza pola casa (polas familias) e continúa na escola, nesas aulas que con tantas dificultades e inseguridades se anuncian.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Aprender a vivir