A miña esperanza


Somos amigas desde que temos uso de razón, nin sequera podo precisar desde cando. Irmás, vaia.

Levamos vidas parellas, como se fosen unhas liñas paralelas máxicas que ás veces se tocan, se xuntan e outras camiñan afastadas centos de quilómetros. Pero, por algunha razón estrañamente marabillosa, mantéñense unidas pola man, tan lonxe e tan preto a un tempo, sempre á par.

Podían pasar meses sen vernos e, ao falar, sabiamos que a última conversa fora xustamente onte, coma se non correra o tempo no que estiveramos afastadas. É un auténtico agasallo atopar xente así na vida. Pero aos galanos é mellor non afacerse porque, de súpeto, un día, a miña amiga ten medo. Atopou algo estraño no seu corpo. Cravóuseme aquela conversa.

Comezan a facerlle probas e, pasado un tempo, póñenlle nome a ese vulto, que é un cancro. E o mundo colle unha velocidade distinta, que marea. Vanlle buscando os apelidos á doenza e... acabo visitándoa ao saír do quirófano. Empeza o tratamento, que se fai eterno. Seica cura a dor pero produce tamén moita outra. E así ata que hai uns días supera a última sesión da quimioterapia.

En todo este tempo non a puiden abrazar. Vina tan só un par de veces, máscara e distancia por medio. Os nosos fillos evitaron compartir os xogos. Non tiven oportunidade sequera de chorar con ela. Apértoa e bícoa co pensamento.

Agárrome a que acabou a quimioterapia. Ese día chorei na distancia. O corazón desfíxose dun pequeno nó porque conseguiu superar esa fase. Pero agora toca, novamente, esperar. Outra agonía máis.

Ese pranto que deitei non só foi de alivio, tamén amosaba rabia, porque ese virus microscópico me impediu estar preto de quen quero. Súmolle o enfado, pois penso que puidemos telo parado xa hai tempo.

Chorei porque a boto de menos. Porque é unha campioa e estou moi orgullosa dela, da súa forza. Da que tivo para ela e da que repartiu.

Alén de toda a impotencia que sinto e do enfado pola irresponsabilidade social, quero ser positiva. E, saben que lles digo? Que vai ir ben. Porque si, e porque a miña amiga ten un nome revelador. Dicímoslle Espe, pois chámase Esperanza. Isto ten que ser un sinal.

Non a deixemos soa. Non abandonemos as Esperanzas. É preciso construír unhas novas, un futuro. Para ela e para todos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
24 votos
Comentarios

A miña esperanza