Tatuaxes

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

22 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non me gustan as tatuaxes. De neno fixen a colección de cromos Razas do mundo e as que máis me arrepiaba eran a dos surma, das selvas de Etiopía, na que as mulleres levan enormes pratos na boca que as deforman dun xeito monstruoso; e a dos maorís de Nova Zelanda, con tatuaxes en todo o rostro.

Ao medrar souben que as tatuaxes chegaron a Europa cos mariñeiros a finais do século XVIII e que, sendo atributo dos homes de mar primeiro e de delincuentes despois, houbo membros da realeza, mesmo reis -Eduardo VII de Inglaterra, Nicolás II de Rusia, Federico IX de Dinamarca-, que se fixeron tatuar. Caso curioso é o de Carlos XIV Xoán de Suecia, que cando era o revolucionario Jean-Babptiste Bernadotte en Francia tatuárase o lema «Morte aos Reis» e despois de coroado levouno ben tapado toda a vida.

Cos tatuaxes non hai trasacordos. Melanie Griffith borrou o nome de Antonio Banderas do corazón orlado que tatuara no brazo e agora leva un corazón en ruínas. O que si hai é sorpresas. Unha amiga da miña filla tatuou no ventre a cara pequeniña dun bebé, pero quedou grávida, medroulle a barriga, a cariña converteuse en carota enorme, talmente coma un globo a punto de estoupar; e despois do parto na dun vello engurrado e fofo. Un horror.