Fóra malos fumes

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

19 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Fumar é malo. Mingua a capacidade pulmonar e a saúde. A propia, pero tamén a do que ten que aturar o fume que outros botan.

Amais diso, moitos dos que fuman tiran cabichas ao chan, contaminan. Outros lánzanas pola ventá do coche sen coidado e poden provocar incendios.

Estamos inmersos na era covid, que se acaba de converter no tempo da prohibición de fumar na rúa. Toca evitar os malos fumes, pois tamén axudan a propagar o virus que nos está a matar, en silencio.

Se algo deberiamos aprender deste perigo microscópico é precisamente iso, o silencio. Mentres nós facemos ruído, protestamos, enleámonos uns contra os que pensan distinto do propio... o virus segue avanzando ao calado, roendo nas nosas vidas, na nosa tranquilidade, na nosa economía, no noso sistema social.

Pero como así de obtusos... seguimos pelexando ao tolo. Berrando nas redes sociais, nos medios de comunicación, no Congreso, no Parlamento, co veciño do lado, co opoñente político, co cuñado e con todo aquel que se nos poña por medio. Buf. Que canseira, señores! Fóra malos fumes! Debera haber unha lei tamén que nos prohibise esta crispación continua que se estendeu xa hai moito tempo, moito antes cá pandemia... O problema é que o fixo a berros, contaxiándonos o volume excesivo a todos.

Para que queremos o aire limpo? Para respirar. Pero deberiamos aprender a respirar, sentindo como nos invade os pulmóns e logo os abandona.

Hai que facelo con calma, dándolle o seu tempo. Así pensamos, antes de botar a lingua a pacer.