As escalas do covid

Jorge Mira Pérez
jorge mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

16 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ante o novo ascenso de casos de covid-19 estamos a ver como os medios de comunicación volven a publicar a gráfica de infectados. Esa gráfica agora describe cinco meses de pandemia (dende marzo ata agosto) e é inevitable establecer comparacións entre os números que temos agora e os que tivemos nas dez gravísimas semanas que sufrimos ata a segunda metade de maio. Pero, debemos facer esa comparación a pelo? 

Non. E vexamos o porqué. A cifra oficial de infectados a principios de xuño andaba polos 250.000, pero grazas ao estudo de seroprevalencia sabemos que en realidade eran 2,5 millóns. Isto é, de cada dez infectados reais, daquela só se detectaba un. Como ben sabemos, naqueles meses era moi difícil conseguir que nos fixesen unha PCR: simplemente non se dispoñía delas. Agora, a dispoñibilidade aumentou notablemente. O resultado: detéctase unha porcentaxe maior. Certo é que haberá casos que se escapen; é difícil precisar a eficiencia actual, pero seguro que supera o 10 % de antes. Supoñamos que sexa do 50 % (de cada dous infectados reais só se detecte un). Isto implicaría que, para comparar os números de agora cos de antes, deberíamos aplicar unha corrección de escala, dividindo por cinco os datos de agora. Como non sabemos a eficiencia actual, non sabemos que factor de escala aplicar. Se a parte cuantitativa é incerta, a cualitativa xa o é menos: a subida da curva causa arrepíos porque, se non reaccionamos, esa si que leva camiño de parecerse á de marzo, e temos que evitar, como sexa, volver a aquelas pendentes de subida.