As TIC non poden ter un tratamento secundario

Antonio Leonardo Pastor PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE DIRECTORES DE COLEXIOS PÚBLICOS DA CORUÑA, E DIRECTOR DO CEIP CURROS ENRÍQUEZ DA CORUÑA

OPINIÓN

09 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Na etapa da educación infantil e primaria a volta ao colexio faise imprescindible que sexa de maneira presencial, por mor de moitas razóns, entre outras podemos pensar no factor socialízante que ten a escola, e outro podería ser a falta de autonomía que ten un alumno nestas idades, onde o acompañamento do mestre faise fundamental e necesario. Esta pandemia fai que teñamos que artellar a maneira de paliar isto sen que se poña en situación de risco a saúde do alumnado, por elo a necesidade de establecer un plan de actuación ao contesto covid-19 é fundamental. A Administración estipula unhas medidas, de diversa índole que ten que levar implícito dito plan de actuación, e as direccións dos centros temos a responsabilidade de establecelo, cada un no seu centro, dado que cada dirección é coñecedora da casuística que ten no seu colexio, e ditas casuísticas non son iguais en todos. Algunhas destas medidas xa as trasladabamos as direccións aos nosos claustros a finais do mes de xuño, diante da inminente chegada dun novo curso escolar, como pode ser o feito do emprego da aula virtual do centro.

As direccións levamos moito tempo demandando liberdade de decisión, e agora a temos, certo é que nun momento moi complicado, pero temos diante de nos un gran reto, e sabedores tamén de que temos o respaldo da Administración, posto que esta será coñecedora da nosa maneira de actuar.

Unha das lecturas que temos que facer neste contesto do covid-19 é a importancia das TIC nos centros. As TIC xa non pode ter un tratamento meramente secundario. É fundamental, tanto para mestres como para alumnos, o coñecemento e aprendizaxe da informática. Fai anos que o vimos dicindo, por elo é preciso, aínda que o ensino sexa presencial, profundar neste campo, como de feito así o protocolo covid-19 o establece. A informática debería estar integrada como materia que forma parte do currículo na educación primaria.

É de vital importancia, nestes difíciles momentos que estamos a vivir pola covid-19, que rememos todos na mesma dirección, tanto administracións, sindicatos, mestres, ANPAS, etcétera. Son momentos nos que todos temos que arrimar o ombro e deixar nun lado os ideais políticos de cada un poda ter.