Un protocolo perigoso e inaceptable

Rogelio Carballo PRESIDENTE DE CONFAPA GALICIA (CONFEDERACIÓN GALEGA DE ANPAS DE CENTROS PÚBLICOS)

OPINIÓN

09 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Apandemia na que estamos inmersos derrubou innumerables certezas e construcións sociais postas en pe ao longo destes anos, e está sendo especialmente cruel co sistema educativo e coa conciliación familiar e laboral, a actividade económica e os recursos das familias. Corresponde ás administracións dispoñer os recursos e as normas que permitan recuperar o exercicio destes dereitos. Todos somos conscientes das dificultades. Como entidades que xestionamos partes do sistema de conciliación que tiñamos en funcionamento sabemos das contradiccións que o equilibro entre ofrecer os servizos e garantir a seguridade implica e das concesións que nun e noutro ámbito deberán facerse para tratar de paliar as consecuencias da pandemia.

Dito esto, o protocolo covid-19 para o curso 2020-21 simplemente é inaceptable. Para comezar nace sen o menor diálogo coas familias, que son a razón de ser e o núcleo do sistema educativo. Cómo pensa a Consellería de Educación convencernos de que o sistema educativo será seguro se nin siquera chama aos seus representantes, non xa para negocialos antes de promulgar o protocolo, senón para explicarllo e escoitar as súas dúbidas?

Entrando en materia, o vindeiro curso plantéxanse ao redor dos grupos estables de convivencia, e dicir, aulas de 25 alumnos sen protección nin separación entre eles, que deben funcionar por un illamento en burbulla, que deliberadamente ignora e pecha os ollos ao feito de que ese alumnado ten vida fora da aula, que ten actividades deportivas, academias, familia, festas, xogos con amigos, etcétera.

Tan grave como isto é a pretensión de volver a sistemas de educación a distancia que a corentena do estado de alarma demostrou inviable, un desastre sen paliativos en termos educativos, e completamente contraproducente nas etapas da educación infantil e educación obrigatoria. Sen mencionar o non resolto problema da universalidade de medios informáticos e acceso a redes das familias e docentes. Unha comisión covid-19 formada só por profesores salta por riba das competencias dos consellos escolares, máximos órganos de xestión dos centros. Os servizos complementarios vense comprometidos polas medidas do protocolo e non serán universais, aínda tendo dereito a elo, como no caso do transporte escolar. As actividades extraescolares serán decisión da comisión covid e de que un ANPA asuma responsabilidades sobre saúde pública que non lle corresponden. O protocolo non di unha palabra sobre que facer con rapaces que teñen un risco elevado polo covid-19 e non poden ser escolarizados no centro. As familias poden ser confinadas ata 45 días sen ningún tipo de reflexión sobre a conciliación familiar e laboral e sen que se propoña facer probas diagnósticas para acortar estes prazos... Un protocolo perigoso e inaceptable.