Monarquía ou república?

Justo Beramendi TRIBUNA

OPINIÓN

JON NAZCA | Reuters

07 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A natureza dos sistemas políticos que se sucederon en España dende mediados do século XIX ata a fin da ditadura de Franco fixo que o dilema república/monarquía fose equivalente ao de democracia/non democracia. Pero os fundamentos reais desa equivalencia desapareceron a partir de 1978, cando a Transición transformou a monarquía ditatorial legada polo franquismo nunha monarquía constitucional democrática. É certo que non se concedeu á cidadanía a oportunidade de pronunciarse directamente sobre a forma do réxime, pero tamén o é que a monarquía foi validada indirectamente co referendo da Constitución, feito que limpaba parcial pero non totalmente a súa eiva de orixe. En todo caso, a evolución política posterior, e nomeadamente o relato construído arredor dos sucesos do 23 de febreiro de 1981 e asumido maioritariamente pola sociedade, relegou o asunto a un lugar moi secundario nas preocupacións da cidadanía. Durante os anos dourados do juancarlismo a monarquía cumpría ben o seu cometido, e o seu titular parecía axustarse ás pautas de profesionalidade e exemplaridade que concedían á institución unha imprescindible lexitimidade de exercicio.

Pero a saída á luz nos últimos anos da impresentable traxectoria de amoríos e corruptelas de Juan Carlos I desfixo abruptamente o idilio e reactivou o vello preito. Nin a súa abdicación no 2014, nin os esforzos do seu fillo por distancialo, nin moito menos a súa marcha ao estranxeiro (que deixa a «marca España» moi tocada) van apagar o lume. Hai cada vez máis forzas políticas interesadas en que arda, e cada vez menos cidadáns que viviron a Transición. Mesmo asistimos ao esperpento dun vicepresidente e unha ministra do Goberno da monarquía que, xunto co seu partido, cuestiónana abertamente. E todo isto nun momento en que conflúen con gravidade extrema todas as crises imaxinables: a sanitaria, a económica, a social, a nacional e a de gobernabilidade pola fragmentación e polarización do mapa político. A estas debemos sumar agora a constitucional, segundo algúns.

Monarquía ou república? En teoría, a república é máis democrática. Na práctica, pode selo ou non. Mais creo que a pregunta pertinente hoxe non é esa, senón a seguinte: democracia sa ou democracia enferma? E todos sabemos que a nosa democracia padece moitas e serias doenzas, das que a derivada da casa de Borbón é unha máis, e se cadra non a máis grave. Certo que é moi improbable que a monarquía caia no curto prazo, dada a actual correlación de forzas políticas. Pero é seguro que a fractura arredor da súa continuidade chegou para quedar. Igual que o virus. Eramos poucos e pariu a avoa.